Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.517 posts
41 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Vir mexar a Ribadeo


Vir mexar a Ribadeo

     Se estou a escribir isto é porque a festa do Ribadeo Indiano, a ‘festa dos indianos’, é un éxito. Un éxito sen paliativos, ollable claramente ó conseguir o obxectivo para o que foi creada: atraer xente a Ribadeo para beneficio de hostalería e comercio. Non sei se a finalidade, con esas ou outras palabras, está escrita nalgún lugar, pero coido que non fai falta, e que hai un consenso sobre o tema. Tres autobuses cargados de ‘indianos’ desembarcando o domingo ás 11 da mañá diante do instituto non deixa de ser un feito máis que dá testemuña a ese éxito, como o é o atopar nunha ateigada terraza de preto de vinte mesas que as caras coñecidas cínguense a unha única táboa, e non precisamente a máis ateigada delas. Ou, o que pode que me chamara máis a atención e dá pé ó título, unha fileira de mulleres para entrar ó baño dun local de hostalería, mesmo antes de que se encheran as mesas. Si, fileira que nalgún momento andaba pola decea. Todas, gastando tempo da súa visita a Ribadeo na cola, máis ou menos ataviadas de época, e con abonda probabilidade, algunha non consumidora. Fago este último apuntamento porque hai que lembrar o que estamos a falar dunha festa pro consumo, e o éxito citado ó comezo pode verse matizado de moitos xeitos se comezamos a poñer en claro o gasto por persoa, o ‘rendemento’ que se pretendería desas visitas por parte dos organizadores, unha vez a xente en Ribadeo, etc. A máis da infraestrutura que pode ofrecer Ribadeo, unha vez amosada a capacidade de organización de atraccións para o evento.

    A temperie acompañou: a temperatura foi tropical. Mesmo as flores que se poden observar nalgúns tellados pareceron querer contribuír ó ambiente festivo. E así, diría que este Ribadeo indiano 2023 ten -recibimos- máis xente que os anteriores, nunha espiral ascendente que si terá que ter fin polo límite que supón a capacidade de acollida de Ribadeo. Ó tempo, diría que a implicación dos propios ribadenses foi menor, aínda orgullosos da montaxe desta festa tan exitosa á par de glamourosa. Isto pódese traducir -ou ser unha indicación do por que- nunha baixada do glamour (de novo esta palabra, para entendérmonos, e non liala con ‘custe’, ‘remate’, ‘beleza’ e semellantes) que se puido observar nos vestidos. Máis aínda, no non ‘poñerse en situación’ da xente ataviada de indianos: o hábito (traxe) non fai ó monxe se do uso dun só día se trata e non do hábito (costume) como vivencia dunha festa que se pretende diferente, característica, e non un baile de disfraces. Non se trata só de disfrazarse, como tampouco se trata só de vir mexar.

    Os emigrantes pobres? Eses non entran na festa.

Fediverse reactions

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *