Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

MODEPEN ve graves inconvenientes para os usuarios na localización do novo centro de saúde de Ribadeo. Nota de prensa


 

1 km andando dende o centro de saúde actual ó previsto.

MODEPEN ve graves inconvenientes para os usuarios na localización do novo centro de saúde de Ribadeo

Nota de prensa

    O colectivo de pensionistas da Mariña de MODEPEN -Movemento de
Pensionistas de Galicia- ven analizando dende hai varias semanas a
ubicación do futuro Centro de Saúde que proxectan a Xunta de Galicia e o
Concello de Ribadeo. Como é sabido a localización elixida para ese
proxecto sería nuns terreos enfronte da estación de servizo, ou sexa a un quilómetro do centro actual e do casco urbano e zona comercial de
Ribadeo. Dende o noso punto de vista esa localización presenta graves
inconvenientes para os usuarios e usuarias do devandito servizo.

    Fundamentalmente
pola distancia e tamén polas dificultades de acceso ao mesmo,
circunstancias especialmente gravosas para as persoas da terceira idade,
como tamén para o resto da veciñanza. No concello de Ribadeo residen
mais de 3000 persoas de mais de 65 anos e arredor de un 75-80 % teñen a
sua vivenda habitual no casco urbano.

    Moitos deles temos que
acudir a cotío aos servizos sanitarios por razóns obvias. Entre 60-70
persoas preséntanse a diario a facer análises e unhas 500 ou mais van ao
centro por outros motivos.

    Por outra banda todos sabemos que no
centro de casco urbano hai moitos espazos e solares baleiros que
poderían servir para construír ou instalar un novo centro de saúde, sen
necesidade de ter que desprazarse a un punto tan lonxano e tan incómodo
ou mesmo perigoso como o que se proxecta. Folga suliñar que moitas
persoas terían que desprazarse en automóbil dependendo de familiares,
veciños ou taxis. Tampouco entendemos, nen coñecemos informes que
acrediten as dificultades que podería ter a reforma e a modernización
do centro actual, seguramente moito menos custosa que a construción de
un novo equipamento.

    Por estes motivos temos solicitado unha
entrevista co Sr. Alcalde ou persoa na que delegue dende o día 14 de
Novembro pp sen recibir resposta ata o día de hoxe. Asemade damos conta
de que no pleno do Concello do pasado día 4 de Decembro aprobouse unha
partida de 250.000 euros dentro dos presupostos de 2024 para financiar a
merca dos devanditos terreos enfronte da estación de servizo.

    Pola
nosa banda seguiremos agardando a resposta do Sr. Alcalde e anunciamos
que iniciaremos actividades sociais para informar á veciñanza deste
proxecto e da importancia, para todos e todas, de que se busque unha
nova ubicación do futuro centro de saúde de Ribadeo ou ben se acometa a
reforma e modernización do actual


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *