Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Auga, aceite…


Resulta que cada cidadán do planeta dispoñemos dunha grande cantidade dun ben escaso: a auga. Parece contradictorio, pero non o é así se consideramos por unha beira toda a auga que hai no mundo dividida entre a poboación, e por outra, a grande diferencia de distribución, que é un recurso limitado (a pesares da súa magnitude) e que a poboación mundial vai medrando, e que non é o mesmo ter auga pura que auga salgada ou auga contaminada… E ata o grande recurso que é o océno está en perigo por esta última razón.

A cousa ven a colación por varias razóns, como que a ministra do ramo pretenda cobrar un mínimo polo consumo de 60L/día e persoa e logo subir o prezo para cantidades maiores… O que ocorre ata agora é máis ben ó revés, todo o mundo ten que pagar un mínimo, consuma ou non, e logo aumenta o pago, pero dun xeito prácticamente proporcional, co que evidentemente se está primando o consumo. Apúntome á proposta da ministra, aínda que xa sabemos que a letra pequena ten importancia, e neste caso non sei siquiera se a hai.

Tamén ven porque en Ribadeo hai un sitio para botar aceite ó lixo, pero resulta que pon claramente que non se bote aceite de orixe doméstico. Plantéxome se é só porque tratar o aceite custa e a zona onde está o recolledeiro é unha zona de bandeira azul, e supoño que a recollida é costeada en parte de xeito privado (aínda que sexa a partir de subvencións), pero o caso é que non coñezo ningún sitio na poboación onde botar o aceite doméstico para reciclar. Eso implica miles de litros de aceite en Ribadeo ó ano que se van ó lixo ou direitamente, polas cloacas, ó mar. E propoño facer unha experiencia: tocar cun dedo aceite (usado ou non) e logo unha superficie de auga: veremos como o aceite se distribúe pola superficie de xeito doado, contaminando e facendo imposible o intercambio de gases entre a auga e o aire, e polo tanto, eliminando a posibilidade de vida normal na auga.

E nesto lémbrome: as fontes do Lobo, en Vilaselán coido que eran a orixe da primeira auga traída a Ribadeo. Logo, máis polo aumento do consumo que da poboación, foron insuficientes, e mentras se seguían taponando fontes ou cambiando a súa orixe da natureza para a traída, pasou o tema tamén a depender do encoro de Lexoso, que tamén se fixo pequeno (ó tempo que se colmataba de area) e logo fóise procurar máis lonxe, ó Eo… é de comprender que teña un fin esa procura, que non poda ser indefinida, pero así estamos, mentras as fontes de toda Galicia teñen un grave problema de contaminación bacteriana debido ás prácticas agrícola-gandeiras, que terán que cambiar, pero aínda non se sabe moi ben cómo (polo menos, en cómo aplicalo) É dicir, enfrontámonos en breve a un problema de auga que noutros sitios xa teñen, como nesa poboación que rematan de aprobar a construcción dunha morea de novos pisos para especulación urbanística sen teren asegurado hoxe o recrso acuático correspondente. Ben, aquí estamos mellor, pero podemos dicir: ‘aquí tampouco’ (tampouco estamos a salvo se se seguen a facer as cousas de xeito irresponsable)

E sobre a contaminación da ría e o mar, aí está por exemplo o caso Prestige ou máis achegado, o tema da piscifactoría de Piñeira e o arrastre correspondente de refugallos ata a ría de Ribadeo.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *