Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A intelixencia colectiva e Ribadeo


Puido chamar a atención no último pleno que máis ou menos todos os líderes politicos fixeran gala da intelixencia popular, como querendo flirtear con ela e levar o gato a auga. En momento como ese penso que non existe tal intelixencia popular en abstrato, senón marcada pola estrutura desa ‘intelixencia’. Casos para asustarse cando se fai fincapé nela hai abondos. A ascensión de Hitler ó poder, por exemplo (non tivo maioría absoluta, pero chegou arriba por un sistema democrático), a destrucción do ecosistema e radical empobrecemento absoluto e vital da comunidade de habitantes na illa de Pascua (outro día poñerei un vello artigo sobre o tema), ou o actual desequilibrio ecolóxico serían tres exemplos. Hai máis de medio século que se escribiu ‘Masa e poder’ ou aínda ‘A rebelión das masas’ para saber que esa intelixencia colectiva, con determinadas estruturas subxacentes, é irracional, e polo tanto non aproveitable en xeral a non ser para considerar a súa condución por intereses capaces de lograr o poder de antemán. Coa nova ascensión das redes en internet estánse a manifestar outras estruturas intelixentes que si serían máis autónomas, construtivas e colaborativas (polo momento, e cos seus erros, aí están a wikipedia e a súa versión galega, a galipedia, para amosar frutos deste tipo de intelixencia colectiva) pero ás que, co retraso en sumarse o noso estado ás novas formas da tecnoloxía, Ribadeo non se pode chamar polo momento. E tampouco é bó exemplo ou ensinanza a que da a miúdo a corporación tomando o adversario como inimigo, ou tomando literalmente como certo o chiste de ‘el Roto’ no ‘El País’ do pasado luns 16, e cito a frase vertebral do mesmo: ‘El que no haya derecha ni izquierda no significa que no haya arriba y abajo’, o que dito por unha persoa manifestamente máis opulenta que o adversario na viñeta pode ilustrar un pouco máis o que citei antes da ‘estrutura da intelixencia colectiva’ que se trata de engatusar, dirixir e engaiolar.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *