PESCADA POR DIOR
A estudante de Belas Artes en Pontevedra e natural de Boiro, María Alborés Lojo, foi contratada, con só 28 anos, pola multinacional francesa do glamur e do luxo Dior grazas ao seu traballo de fin de máster (realizado na Escola das Belas Artes de Amberes) titulado “Lost in tradition, found in Galicia” (Perdida na tradición, atopada na Galiza), unha homenaxe ás mulleres loitadoras e mariñeiras da súa terra.
A prestixiosa “maison” valorou a súa orixinal reinterpretación dos oficios tradicionais relacionados co mar, nomeadamente coa súa ría de Arousa. Para a súa colección empregou materiais sinxelos como redes, boias, cordas, chaleques salvavidas e chuvasqueiros, así como encaixes de Camariñas, coiro e cestaría. Exemplos da reutilización destes materiais son os seus vestidos-tubo feitos con nasas ou outras artes de pesca, as saias de redes, os chales de plástico ou os cestos convertidos en chapeus.

Asemade, María Alborés vestiu a ministra de educación belga para a portada da revista Nina no Día da Muller Traballadora e mesmo varias das súas creacións apareceron na edición para Bélxica da mítica publicación de moda feminina Elle.
Nestes deseños contou coa colaboración doutros artistas como é o caso do obradoiro La Parabólica. Mención especial para as xentes de Ribadeo merece o artesán do coiro de orixe uruguaia e afincado na vila Ezequiel Franchi Gil, quen conta cun posto ambulante no centro da localidade e cun obradoiro (“Raíces nómadas”) situado nunha das dependencias ferroviarias da estación de FEVE. Coñezo ben o seu xeito de traballar cheo de gusto, calidade, detallismo, profesionalidade e agarimo xa que lles deseñou ou arranxou varias pezas a algúns amigos. Parabéns pois polos seus logros.
