ÓSOS COMO BIRLOS

Samuel Luiz foi asasinado en 2021 na Coruña só polo feito de ser homosexual, motivo polo que un grupo de mozos considerou que debía morrer. Eles agora, afortunadamente, están na cadea a cumprir as súas longas, merecidas e agardo que atormentadas penas. Eu non coñecía a Samuel, mais si creo lembrar telo visto azarosa e esporadicamente nalgunha rede social algunha vez. Tampouco o coñecía o artista multidisciplinar catalán David Bustué, quen ficou impactado ante este crime inxustificado. Durante estes cinco anos, realizou diferentes instalacións en homenaxe ao asasinado e mesmo publicou un libro titulado precisamente “Samuel” para explicar todo o seu proceso creativo das diversas técnicas artísticas que empregou.
Consciente de que xa ninguén ergue estatuas ou bustos adicados a ninguén, decidiu crear monumentos espontáneos, é dicir, efémeros, como o que instalou uns días con espírito fuxidío no Paseo de Bos Aires herculino e que consistiu nunha serie de fémures e tibias desmontables e semellantes aos birlos que se derruban, caendo como fichas de dominó, ao bater contra eles unha bóla. Se cadra, foi tamén un tributo musical (aínda que estático) a aquela canción de Alaska cuxa letra dicía: “Tengo los huesos desencajados, el fémur tengo muy dislocado, tengo el cuerpo muy mal pero una gran vida social. Bailo todo el día con o sin compañía. Muevo la pierna, muevo el pie, muevo la tibia y el peroné, muevo la cabeza, muevo el esternón, muevo la cadera siempre que tengo ocasión”. De feito, Samuel viña de bailar nunha discoteca e quizais (por que non?) esa melodía soara no momento “revival” antes da súa saída.
Outras colaboracións foron unha peza para o museo Oteiza en Navarra, varias esculturas óseas en xeso, cinsa ou porcelana e unhas placas metálicas coas cores do arco da vella para a ferroviaria e férrea estación de Atocha madrileña.
