O Cansazo de Hernán
De Hernán (Hernán Naval Parapar, 1962-2001) todos os que o coñecemos lembramos o seu ‘vou canso de todo, menos da música’, que mesmo serviu de título a un libro a el adicado con motivo dos dez anos do seu pasamento. A súa frase resume unha vida curta pero intensa de loita política e construción social axuntada por convicción e sentimento a unha traxectoria vital imbricada na música.
Convicción e sentimento que, ós vinte e cinco anos do seu pasamento, vense superados, en xusto desenvolvemento, polo seu traballo musical e o impacto do mesmo e a súa personalidade en cantos o rodeábamos. Iso, se consideramos que ambos apartados se poden separar, o que non teño tan claro. E non o teño porque se ben desenvolvía a música como un todo, non deixaba de ser un ‘máis aló’ ó que tentaba arrastrar o resto da súa vida, incluídas as súas conviccións políticas e o seu activismo social.
Con perspectiva de vinte e cinco anos, nun pequeno artigo, non se pode facer unha revista completa da súa traxectoria neses campos outros da música, lembrados de xeito máis apagado. Neses campos dos que el mesmo acordaba que estaba canso. Mais si traer a colación algunha reflexión sobre o que foron para el e o que foi para eles.
Dende moi cedo, Hernán foi sensible a problemas que vía e non deixaba que se lle fixeran transparentes, que lle desapareceran da mirada. En particular, decatouse do poder da comunidade, do grupo, vogando nunha mesma dirección. Algo que tentaba aplicar tamén de xeito interno: coherencia entre as súas diversas actividades, relación entre elas e non esquecemento dunhas ó estar desenvolvendo outras: corazón e cabeza estaban aliñados, cooperaban. E iso fixo que, dende fóra, houbera xente que non separara a construción vital da sociedade que Hernán tentaba levar a cabo a través da música e a loita no campo das ideas ou da política que podía significar un enfrontamento e que de feito, o significou en moitas ocasións. Non foi algo inconsciente por parte de Hernán, senón sinxelamente o seguimento dos seus principios. Aplíquese a ‘vou canso de todo, menos da música’ e atoparase unha angustia vital na que a música, o seu entorno musical, víase ameazado por ataques que non terían que ir con ela. Tratábase, como moitas outras veces, de ‘destruír ó inimigo’, ‘ó inimigo, nin auga’… mais trabucándose de ‘inimigo’ e pagando o pato a alma musical hernaniana. Alma que se resentía, incomprendida e ó tempo falta de comprensión. Alma que tiña fortaleza abondo para seguir adiante porque se renovaba con cada nota musical escrita, escoitada ou tocada, pero á que non podían seguir nesa recuperación outras partes que tamén eran Hernán, e nas que se vía impotente para continuar vogando contra vento -a xente que se lle opoñía dende outras ideas, partidos, asociacións- e marea -os compañeiros cos que tamén podía verse enfrontado-, nunha imaxe mariña que tamén ía coa súa idea. Non en van unha das súas obras leva o título de ‘Lonxe do mar’.
Un contexto do anterior ven dado por títulos de escritos seus, como os de algúns dos apartados da súa presentación ‘Pola modernización’, lida no Congreso de Bandas de Música Populares de Galiza no ano 1994, no que a música é contemplada como vector e motor de actuación social: ‘Dignificar as actuacións das bandas’, unha actuación cara dentro desa loita social non cadro de ideas moi claro, ou ‘A función social das bandas de concertos’, actuación cara fóra, cara a sociedade, instrumentada pola música. Ou os encabezados doutros artigos, como ‘Sinal de modernidade’, na que presenta a modernización da banda como un paralelo a unha modernización social, ou… E é que, máis aló do que puido significar a súa actividade no colectivo ‘Pensamento e Sementeira’, a ‘A. C. Francisco Lanza’ ou no BNG, a actividade sociopolítica tamén estaba integrada na súa visión e desenvolvemento da música. Non era que empregara a música como punta de lanza, senón que era o útil que tiña. E era consciente dilo. Tamén de que non podía separar os seus mundos vivenciais. E aínda máis, de que era a música o que lle permitía poder afrontar o desgaste que sentía nas súas actividades sociais.
