Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.519 posts
41 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Os 28 de Ribadeo


Os 28 de Ribadeo

Soe ser abondo máis doado contar 28 persoas que ‘máis dun millón’. Máis aínda cando a pesar de que a precisión pode ser moito mellor para números grandes -equivocarse en un en un millón é desprezable; en un en 28, xa non tanto-, ó comparar diversas fontes existen grandes discrepancias. Neste caso que comento, pódese estar a falar de ‘un millón cen mil’ segundo uns, ou de ‘un millón e medio’ segundo outros, como se unha poboación maior que a de Vigo puidera ser pouca cousa, unha pequena discrepancia. Todos eses números que remato de dicir corresponden a asistentes a algún acto relixioso deste domingo no que escribo, no que se celebra o Corpus Christi.

Por suposto, o millón longo corresponde á asistencia a misa papal en Madrid, onde foi servida a comuñón ao que parece por mil persoas. A raíz dese dato, e aínda que pouca diferencia fai para o que quero dicir, coido que habería que rebaixar as cifras de asistencia mencionadas no parágrafo anterior a menos de un millón: segundo elas, botando contas, sae unha persoa dando a comuñón por máis de mil asistentes, e a calquera que teña asistido a actos relixiosos lle resultará unha enormidade esa proporción, o que me leva a pensar que o do millón de persoas está sobredimensionado. Pero, ó fin, son cálculos de segundas, a partir de cifras escoitadas pola radio.

O que admite moita menos variación real son as 28 persoas detrás da procesión do Corpus en Ribadeo, celebrada a unha hora semellante ós actos papais ‘en olor de multitude’ en Madrid. O resalte dunhas e outras cifras pode levar á reflexión. De moitos xeitos.

Por exemplo, as 28 persoas na procesión de Ribadeo implica que entre banda e xente na cabeceira (carrexadores, por poñer por caso), ían ben máis que asistentes ‘de a pé’. Ou que era unha asistencia abondo menor que hai unha década, sen ir máis lonxe. Claro que hoxe a mirada relixiosa estaba en Madrid, co Papa acompañando o Corpo de Cristo (aínda que pola asistencia incrementada en relación a outros anos, pregúntome se se debera dicir sendo acompañado por), e é posible que algún madrileño ou madrileña asiduo se quedara na vila e corte, diminuíndo o censo de asistentes en Ribadeo. Ou tamén que os 28 de Ribadeo, en relación ó censo municipal, supoñen menos do 0,28 %, é dicir, pouco máis de un por cada 400 ribadenses, fronte ó 1 de cada 4 en Madrid (sempre contando os forasteiros nese ‘1’). Ou mesmo se terá algo que ver na asimetría numérica que en Madrid non só estea o Papa senón que toda a montaxe conte con cartos e patrocinio de empresas privadas e en Ribadeo non.

Dentro desas consideracións que poden levar á reflexión tamén estaría que esas 28 persoas foron contados ó paso da procesión por diante da Casa Consistorial, á beira da que as bandeiras -a oficial de Ribadeo incluída- estaban despregadas ó vento fóra do ámbito do edificio e din que mesmo fóra da legalidade do BOE. Un lugar ese, as escaleiras da Casa Consistorial, no que remataba daquela un acto avisado, para o que se pediu permiso e para o que foi permitida a ocupación, en favor da paz, en particular acusando o xenocidio que encabeza Netanyahu no que el denomina ‘Gran Israel’, ou sexa, Palestina (Gaza incluída) e lugares veciños. Un acto que contou practicamente coa mesma cantidade de xente que a procesión (en realidade, algunha máis, pero pouca), e que se repite cada domingo ás doce e media no mesmo lugar.

A tenor do anterior, é evidente que o seguimento dos actos eclesiásticos caeu moito -fóra do circuíto de eventos estales, claro-. Algúns dirán como explicación que a fe católica conta con moitos menos adeptos, outros que ó non exercer tanta presión na actualidade a xente séntese máis libre, que antes as cifras estaban forzadas, etc. Pero tamén, habería que preguntarse se non caeu tamén a participación cidadá nas peticións e esixencias en relación ós temas sociais. En relación ós temas humanos. E haberá quen diga que a xente hoxe é menos humana, ou que é máis pasota… etc. Pero iso non amaña a fortaleza da sociedade. Mesmo non é seguro que sexa verdade.

Fediverse reactions

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *