Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.518 posts
41 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

TELENOVELA EN PAPEL. Xosé Carlos Rodríguez Rañón


TELENOVELA EN PAPEL

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Iso foi o que se lle ocorreu a Mercedes Autrán, veciña de Rois e que se estrea na escrita publicando “Por una promesa”, unha historia de amor entre un surcoreano e unha rapaza de Casas do Porto, a súa aldea. Como nos seriais televisivos, para manter a atención dos lectores empregou xiros de guión inesperados e acontecementos sorpresivos.

A súa formación non é literaria, mais musical (é de profesión percusionista) e afeccionouse a escribir a raíz das queixas da súa nai sobre as telenovelas que vía acotío e que cada vez lle semellaban máis tristes e deprimentes e menos de conto de fadas por iso de que, como se titulaba unha, “Los ricos también lloran” con “sorrisos e bágoas”.

Pódese definir entón este libro como unha telenovela en páxinas ou como un cantar de cego do século XXI. Sería como contarlle a un invidente o que acontece nas que se emiten pola televisión. Así cualifica Mercedes o seu artefacto literario que describe como “melodrama coreano” nunha mestura de penas e alegrías como na propia vida.

O argumento narra o encontro, na actualidade, dun surcoreano cunha galega, como se van coñecendo e namorando e como ela lle amosa os feitizos non só do lugar no que vive mais tamén doutras zonas próximas como a praia da Lanzada (coa súa tradición das nove ondas fecundadoras), a catedral compostelá (e o seu ritual do santo dos croques) ou a estilizada e estilosa fervenza do río Toxa. Ademais, tamén trata diferentes temas sociais como o aborto, a violencia machista ou o amor romántico.

A literatura, como calquera outra arte, ou é un pasatempo ou unha aprendizaxe. Mesmo pode ser as dúas cousas á vez, é dicir, aquilo ao que os clásicos se referían co de “ensinar agradando”. Mercedes Autrán confórmase con divertir por evasión, o que xa ten o seu mérito pois a realidade, co seu mastodóntico peso, sempre superará, precisamente por iso, á ficción.

Fediverse reactions

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *