Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.514 posts
41 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Un Chío sobre turismo, cultura…


Remata de saír o número 38 de Chío. O tema xeral do que trata esta revista cultural de matriz lucense é máis ben ‘Turismo e cultura’ (Esperanza cultural. O Turismo). A ligazón á revista e o artigo individual que me publican quedan en baixo para o teu aprezo.

Revista: www.revistachio.com/blog. Esa é a web de Chío, onde tamén se pode atopar números anteriores. Como por circunstancias técnicas descoñecidas hai veces que dá problema a súa carga, deixo un par de alternativas: https://es.slideshare.net/slideshow/chio-38-xuno-2026-cultura-e-turismo-pdf/287870286 e https://es.scribd.com/document/1045891439/Chio-38-Xuno-2026-Preferencia-cultural-O-Turismo

E o artigo:

Turismo ou cultura

Non fai falta coñecer moito de lingua para saber que ‘Turismo e cultura’, ‘Turismo ou cultura’, ou ‘Turismo é cultura’ expresan orientacións e/ou ideas ben diferentes, por moito que nalgúns puntos se podan solapar.

Figura : Cruceiro en Venecia. Imaxe no D.P.

Dime Melina que o tema que orienta este Chío é ‘Turismo e cultura’. Entendo que iso fai fincapé na relación entre ambos. Ó fin, son as relacións as que marcan as construcións: as cousas son só os puntos nos que se apoian para facelo. Pero neste caso entre turismo e cultura hai unha relación, para min imposta, que en certo xeito supón que o turismo é cultura (e nun segundo plano, que a cultura pode beneficiarse do turismo). E non digo que non o sexa, máis ben que non poda selo, nin que non se poda artellar algunha relación pola que o turismo beneficie á cultura, e/ou viceversa. Non, nin moito menos. Mais, escribindo o anterior, coóuseme un erro. Puxen ‘veneficie’, é ó ir corrixilo, veume á cabeza claramente a situación de Venecia: un parque temático onde quen puido marchar, marchou, e onde hoxe quedan unha serie de negocios para usuarios-turistas con posibles, moitos deles en mans de xente da etnia Han e outras etnias chegadas hai pouco á zona, sen moita relación, en principio, coa cultura, historia ou monumentos venecianos. É dicir, algo así como unha colonización baseada nun comercio baseado á súa vez no aproveitamento económico dunha cultura que queda morta, disecada nun museo ó ár. É dicir, unha especie de contraposición na que o turismo, triunfante espada de avance e penetración de ideas e capitais a partir dun sistema de relacións socioeconómicas montadas sobre o capital, captura e cativa a cultura, que se mantén zombi, viva só en canto pode ser espremida para producir renda para o capital invertido. Mesmo pode nalgúns casos servir a imaxe dunha casca baleira que se fai mover por fíos externos ben disimulados. Así, o turismo foi un vector de ataque que baleirou a cidade da súa xente, quedando o parque de atraccións para turistas. Outro xeito de velo? Por suposto, o anterior non é o único xeito de velo/asimilalo: como este fenómeno de ‘turismo cultural’ se dá moito en Europa, vénseme á cabeza un cadro de Tiziano co ‘Rapto de Europa’, unha voluptuosa dama que se queixa indefensa mentres é levada por un boi de mirada inquisitiva pero inexpresiva ó que, de xeito contraditorio co anterior, se aferra botándolle unha man a un corno mentres anxos/amores lle dan a despedida. Unha auténtica alegoría para o que estimo está a ocorrer na actualidade.

Figura : Rampto de Europa. En Dominio Público. Collida de wikimedia Commons

Vexo hoxe no xornal El Progreso un artigo de Jaureguízar no que entre outras cousas expón sobre Burón: “Fomos facer unha reportaxe sobre os nomes da localidade: Praza Lenin, Avenida Mao-Tse Tung, Rúa Fidel Castro… Abogados Cristianos puxo unha demanda para que os eliminen por comunistas. Respéctoa, aínda que sexa unha solicitude remota. Pídolles que deixen estar os nomes por ser a única oportunidade para que Burón teña turismo.” Turismo de nomes asociados a unha cultura?, a unha decisión para facer turismo de curiosidade? Os nomes son cultura, xaora, mais, é cultura un turismo ‘de nomes’? Conste que non nego que Jaureguízar poda ter razón e ser o único gancho turístico da poboación, aínda que eu non o vexa así.

No mesmo xornal, unha nova dá información de que o Papa ba súa visita a España aglutinará ate medio millón de persoas nalgún acto. Boa parte desas persoas desprazaránse para unha especie de ‘turismo relixioso’, e a relixión ó fin, é cultura, non? Pode que non teñan a mesma motivación que cando se fai turismo ‘relixioso’ a Roma, convertendo o arte en turismo a través da relixión (ou viceversa), pero…

Noutro lugar, esta vez, praza.gal, puiden ler: “(…) Así, o ‘desenvolvemento cultural’ do rural é, no fondo, un paso previo para a súa transformación turística: cómpre ‘engarzar o turismo coa palabra cultura’. Porque a ‘nosa terra’ só será realmente ‘nosa’ na medida na que se encha de turistas. Que, por certo, tamén somos ‘nós’.” Evidentemente, unha crítica á turistificación que ve claro que a cultura é usada como vehículo para incremento dos fluxos turísticos (de xente, peor suposto, e en consecuencia, de cartos, tamén por suposto).

Mirando arredor da cultura e pensando un pouco, podemos divagar: é turismo/turístico o canto dos paxaros? Evidentemente, hai o chamado ‘turismo ornitolóxico’, pero ate que punto é turismo e non mero negocio resultado de mercantilizar a natureza? Se nos fiamos da RAG, teremos que turismo é unha “Actividade que consiste en realizar viaxes de pracer, visitar lugares de interese etc.”, un “Conxunto de actividades e servizos ligados ás viaxes que se fan por eses motivos.” E entón, estálame a cabeza: dende cando o necesitar de negocio ou non é turismo? Porque aínda que son dúas definicións diferentes, parecen ligadas, parece que se non hai gasto, non hai turismo, nin pracer, nin vida… e non estou de acordo. É máis, seguindo co exemplo de Venecia, estimo que o turismo (digamos ‘actual’) deixou de ser turismo para ser consumo, no mesmo sentido que hai xente que vai de compras como sistema de pracer ou de sinxelo pasatempo. E si, tamén se ten falado de turismo de comercios ou denominacións polo estilo.

Relacionado co inmediato anterior, lembro un chiste, de xa hai anos e con nesgos. Nunha familia con posibles, dille o home á muller: ‘que prefires, un abrigo de visón ou ir de vacacións a Moscova?’ A resposta da muller: ‘ir a Moscova, que alí están máis baratos os visóns’ foi para min unha revelación do que representa o turismo en moitas ocasións: unha desculpa para fomentar o consumo e polo tanto, a transferencia de cartos. Sexa o ‘motivo’ turístico a cultura, a natureza, o esparcemento, o Sol…

Di o Presidente galego que un turismo con base cultural será mais sostible. Menos mal que falaba en futuro! Di que aquí non sobra ninguén (non se refería ós inmigrantes, pero tampouco ós propios galegos molestos co modelo turístico). Pero claro, a cultura, é só o que interesa que sexa para o consumo e ‘dinamización económica’? O dobregar as verbas e o seu significado está de moda, e de tan ‘trending’, xa é algo inconsciente. Boa parte do turismo en Santiago é ‘cultural’. É cada vez máis sostible? Aumenta a sostibilidade coa afluencia de visitantes? Non será máis ben o contrario, como sucede moitas veces cando non lle poñemos o apelido ‘cultural’ ó turismo?

Figura : Plano da Torre dos Moreno, edificio emblemático e representante cultural de Ribadeo

Hai que ter en conta que a instrumentalización da cultura non se dá só no ámbito turístico, aínda que tamén. A iso hai que engadirlle que a terxiversación da ‘cultura oficial’ en ‘cultura’ dá gato por lebre, deixando a cultura ‘fetén’ arrostrada e mesmo oculta na barahunda turística de aproveitamento doutra ‘cultura’ (ou actividade, ou o que sexa) coa que poda coincidir no espazo. O da coincidencia no tempo… iso pode facerse coincidir.

No artigo citado de praza.gal, hai outra frase que enmarco, aínda que pode que sexa necesaria unha bagaxe de coñecementos en economía para sacarlle toda a súa substancia: “O neoliberalismo, como utopía extractiva, aspira a reducir a imaxinación cultural de Galicia ás formas útiles para o seu consumo turístico”. Non só de Galicia, a que se refire por estar o artigo escrito en clave galaica. É algo xeral, e en resume, ven a dicir algo co que estou totalmente de acordo: usar a cultura para potenciar o turismo é facer que non importe o esgotamento ou contaminación da cultura con tal de que haxa un fluxo de cartos (que irán a parar a un número reducido de mans, por moito que podan ser distribuídos despois). Pois iso, en xeral, Turismo ou Cultura.

Fediverse reactions

Unha resposta a “Un Chío sobre turismo, cultura…”

  1. moi bo artigo, tenho que lelo outra vez, mais o comezo di moito, o de unir cultura e turismo é incoherente, para min son tamén antagónicos
    moitas grazas por compartilo
    saúdos
    rosa

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *