Deixo en baixo, sobre o esquema da escaleta, o material que vou recollendo do concerto de homenaxe a Hernán Naval polas Letras Galegas de 2026 en Ribadeo, no auditorio que leva o seu nome. Cando escribo isto, aínda me falta algún material que recompilar, aínda que acompañen o programa, un bo número de textos e fotos (en xeral, tomadas por Dores Abel). Hoxe non está incluído aínda ningún dos vídeos. Algún estará pronto, e a fin de semana espero que xa estará máis completo.

Concerto Hernán Naval 16/05/2026
1a. Lectura de poema por Marica Campo

A Hernán Naval dende esta beira. Marica Campo
Quero gritar, Hernán, que aínda estás connosco.
Construír un abeiro de muros imposibles
onde non entre a ausencia nin o adeus teña casa.
Perdoa que che diga que a morte é un costume
e eu non quero afacerme aos teus ollos cerrados.
Permite que te soñe director dunha banda
tan grande coma o mundo, coa batuta na man
a marcarlle o compás ao vento e ás mareas.
Vexo no arco da vella un violín de cores,
peta o tambor da chuvia nos tellados, e canto
dos reiseñores todos reproduce fielmente
a túa partitura.
Soan frautas nas furnas,
o trono é un pandeiro e orvallas de silencios
a faciana dos prados.
Mais o abeiro ten fírgoas
e filtra a desventura, esa luz amarela
que nos retrae dos soños.
Daquela abre a ferida
e destilan as rosas un zume funerario,
un aroma de cousas que afundiron no tempo.
E choramos por nós porque andamos perdidos
nas rotas da memoria como cans vagabundos.
E regresas, Hernán, levas a vela rota,
vas erguido na proa, solitario e Naval
cruzas o mar e chegas para dicir aínda:
“este meu corazón no voso ecoa e canta
e así a vela aguanta contra o vento da morte”.

1b. Presentación (Aurora e Antonio)

Rematamos de escoitar o poema de Marica Campo adicado a Hernán, que dá o comezo a este acto.
Somos Aurora e Antonio, exdirectivos de Amadores, exmúsicos da banda, e compañeiros de Hernán até o final.
Este auditorio no que estamos leva o nome de Hernán Naval, a persoa que hoxe lembramos como músico, mestre, activista, defensor do noso país, da súa cultura e lingua. Mais, nun día tan especial como o de hoxe, lembrámolo tamén como amigo e compañeiro que foi de moitos de nós.
Hernán Naval Parapar naceu en Viveiro hai 63 anos e morreu en Ribadeo hai 25, un 16 de maio, con tan só 38 anos.
Pero entre esas dúas datas, 1962 e 2001, tivo unha vida tan intensa que deixou unha forte pegada tanto na súa vila natal como nesta nosa de Ribadeo.
Desde moi novo, cando estudaba no instituto de Viveiro, comezou a súa implicación social, e tamén a súa formación musical. Estudou nos conservatorios de Lugo, A Coruña, Santiago e Madrid. O seu era a trompeta, mais non só…
Foi profesor do conservatorio de Viveiro, director da Coral Polifónica de San Cibrao, e, a finais dos anos 80, a través da Asociación de Amadores da Música, foi un elemento central na creación da Banda de Ribadeo actual, a Banda Municipal de Ribadeo, da que foi director desde o 1992 até a súa morte, e da Escola de Música de Ribadeo (hoxe de Música e Danza), en 1993 o primeiro centro das súas características fundado en Galiza.
Foi director da banda desde a súa creación até convertela nunha das máis importantes de Galiza, gravando con ela dous discos, o primeiro dos cales recolle dúas obras súas.
A dimensión do traballo de Hernán Naval superou o ámbito de Ribadeo ou da Mariña. Entre outros fitos, foi vicepresidente da Asociación Galega de Escolas Municipais de Música, así como director da Big-band desta asociación, coa que tocou en Noruega, promotor da Banda da Federación Galega e segundo director da mesma.
Como compositor, podemos destacar algunhas obras corais e instrumentais como Lonxe do mar ou Portbou-Saraxevo.
A música envolve toda a vida de Hernán, pero iso non impediu que o seu activismo (enténdase a palabra en sentido amplo) se mostrase tamén no campo da literatura (escribiu poemas e unha obra de teatro, Traxicomedia con parabellum), como articulista de temáticas variadas, como conferenciante, promotor cultural, defensor do galego e de Galiza; e tamén se mostrou no compromiso militante no nacionalismo político.
Hernán foi, é, un bo e xeneroso.
Hernán, non renunciamos a ti; renunciamos á túa ausencia.
Deixámosvos agora nas mans da Coral Polifónica de Ribadeo e da súa directora, Maria do Carme Rodríguez Cancelo
1c. Coral: Do mar pola orela (L.E. Batallán/Curros Enríquez)

1d. Verbas de M. do Carme Rdguez. Cancelo
1e. Coral: O meu país (Miro Casbella/X.M.Casado, arr por Eli Gª Bouso)

/Cambio de escea/
2a. Presentación
Porque estamos aquí? Queremos facer unha lembranza máis persoal dun compañeiro e amigo.
-Para a miña familia foi un gran músico, pero tamén un gran amigo. Aínda hoxe se fala na casa con emoción, e hai quen aínda nin sequera pode acodir a actos coma este. Foi a última persoa que non era da familia que o viu.
Hernán era un home de retos. A súa proposta a Amadores foi facer unha banda en tres anos. Sobráronlle case nove meses. Era o profesor de cada instrumento, e o director e animador de todo o grupo, un grupo de amigos que aínda hoxe seguimos a relacionarnos. Iso, en canto á banda, a máis do proxecto da escola e o impulso á música de bandas en toda Galiza.
Pedir? Si, Hernán pedía moito, pero cunha característica: non só sabía a quen pedía, senón que avanzaba o traballo de tal xeito que a resposta tiña que ser afirmativa.
Houbo unha xestación e tamén hai que lembrala. A moita xente dende o primeiro momento, Choupo e Tino como os liantes do cotarro, pero tamén Ernesto, facendo desinteresadamente o lenzo que puxo o telón de fondo na presentación, César, sucesor del en moitas ocasións, e moitos outros, como Pepe, co seu esforzo continuo como pipa, que a máis de pagar as cotas para manter economicamente a sociedade, poñen o seu traballo e dan o que teñen para colaborar nesta empresa. E sempre, ós músicos, pasados, presentes e tamén ós lembrados ausentes. No 97 levaban pasado case 100 músicos, 700 socios e 17 directivos de Amadores, 145 actuacións e… 1 director.
A andadura da banda, primeiro, Banda de Ribadeo, logo, Banda Municipal de Ribadeo (BMR), Non foi sinxela. Diferencias e dificultades de todo tipo foron pasándose mellor ou peor até chegar á hoxe en día. E así podemos atopar a esta agrupación herdeira de outras anteriores, pero o tempo netamente diferente a elas por a súa concepción. Se en algún momento se viu a banda como unha nova época de outra banda anterior, pronto quedou anulada dita visión. Tanto pola variación de músicos, novamente o Choupo esta vez como nexo e testemuña doutra época, como polo tipo de música, a vontade fortemente discutida de non combinar a interpretación coa marcha e moitos outros pequenos detalles. Son opcións así escollidas, que configuran unha banda, repetemos novamente, diferente, pero que ten moi en conta e desfruta das vantaxes que lle supón a tradición musical en Ribadeo.
Anécdotas? Esquecementos de instrumentos por parte dos músicos para actuacións fora de Ribadeo, maiormente clarinetes, necesidades dun servizo de orden que permitira ter algunha actuación como na praza real barcelonesa, noites enteiras en autobús no medio dunha nevada, ou, polo contrario, actuacións cos ollos medio cerrados e suando a gota gorda, autobuses que se estragan e que fixeron chegar co tempo xusto ou aínda con retardo a algunha actuación, e coches particulares sucedáneos de autobús nos que o ambiente non deixaba de ter o mesmo calor que naquel.
Tamén accidentes, pequenas cousas polo momento das que poden dar conta César ou Javi, ou roturas inoportunas, ¿cando non son inoportunas as roturas?, de resortes ou mecanismos, amañados sobre a marcha polo equipo técnico da agrupación, a veces aínda con sofisticados instrumentos como gomas elásticas ou navallas.
Son montóns e montóns de anécdotas as que van conformando a cultura da banda, acompañando as pezas tocadas, ó saber facer musical, á dedicación…
Esas cousas que configuran a vida interna do conxunto e que non se ven normalmente desde fora, van acompañadas doutros detalles que si se notan pola audiencia. O que a banda saíra con carpetas deseñadas con coidado, aínda que baratas, a inclusión da manga curta de camisa no uniforme, carteis que son para coleccionar e que se poden ver en máis dun lugar como decoración de gusto, dípticos con información que tamén forma, saídas e recollidas do escenario en orde, a ilusión a flor de pel que rezuman as actuacións, en particular na casa… A historia da banda é curta no tempo pero dilatada en feitos. Comezou con Hernán, e segue.
Si, poderíanse engadir moitas cousas máis. Por exemplo, a tromba de auga sobre os murcianos no primeiro festival de bandas, cunha Murcia na que levaban varios anos sen chover-chover.
Escoitaremos agora o Andante, arranxo seu da obra de Andrés Gaos, e Lonxe do Mar, obra rematada por Hernán o seis de agosto do 95, e, segundo as súas propais verbas, “unha habanera que soa a soedde”, que toma o seu título dun poema de Mario Benedetti.
Quedades agora coa Banda e o seu director, David Ballester.
2b. Banda: Andante (A. Gaos, arr. por Hernán Naval)

2c. Palabras de Rubén Solloso

25 anos de ausencia son moitos. Son un cuarto de vida do que fai un moi bo trato con a morte, ou incluso media vida do que xoga peligrosamente coa sorte. Hai ausencias que doen mais por como foron as súas presencias, e a presencia de Hernán encheu un espazo que se me antolla moi difícil de igualar.
Botando a vista atráis non é doado ver a dimensión do traballo levado a cabo para a creación dunha banda partindo de cero. Un grupo de xentes variopintas de profesións dispares unidos por unha motivación común que era a recuperación dunha banda desaparecida case que 30 anos antes.
Uhna tarefa con moitas aristas: O primeiro, crear unha asociación que lle dera soporte ó proxecto. Esto conleva a busca de socios e socias, comercio e hostelería que apoiase, atopar unha directiva que se fixera cargo, reunir recursos para facerse co material necesario… E unha tarefa central: conseguir que nun período non demasiado longo de tempo un grupo de persoas que na maioría dos casos pouco ou nada tiñan que ver co mundo da música fosen capaces de formar unha banda e poñerse a dar concertos. Parece un guión dunha secuela dunhos Blues brothers de raíces galegas pero ese era o plan (non do Señor) pero ese era o plan ó fin e ó cabo.
E ahí é donde aparece Hernán, un mozo de vintetantos anos de Viveiro, a bordo do seu Peugeot 205 azul (por favor, non comparar con ningunha outra xente montada nun Peugeot) e con unha estética que podría calificar como de “membro da Xeración Nós así de diario levada a finais do século XX”.
A partir dese momento todo se reduce, ó meu xeito de ver, en dúas verbas: Traballo e compromiso.
Ver como unha única persoa ensina solfexo e da clase de todos os instrumentos que conforman unha banda para mín que hoxe me dedico a esto foi un privilexio. Unha loa ó sacrificio, á constancia e a crer nun obxectivo.
Clases e mais clases con aqueles atrís longos de madeira nos que os mais pequenos nin asomábamos. Ensaios e mais ensaios ata horas intempestivas para maiores e nenos coma eu que despois voltábamos de noite a casa cargando con aquel condanado pesado maletín. Repertorio dos estilos mais variados, pero sempre escollido con ese gusto do que aprecia a boa música.
E todo desemboca naquel inesquecible 25 de xaneiro de 1992. Inesquecible por todo o que significou. Inesquecible polo recibimento da vila. Inesquecible porque quen podería esquecer aquela mestura de sensacións que tivemos aqueles corenta músicos por primeira vez enriba dun escenario. E inesquecible porque ese foi o principio dunha andadura, dunha aventura, que nos leva, sen ir mais lonxe a onde nos atopamos hoxe mesmo, con unha banda que segue a funcionar, con as súas tempadas mellores e as súas tempadas peores, pero que está aquí e agora 34 anos despós da súa presentación ó público.
Dende ese primeiro concerto comeza unha traxectoria que non se pode resumir con poucas palabras. Centos de anécdotas, decenas e decenas de concertos, viaxes. Podería, se me deixades, destacar un concerto, e esto eu creo que xa é unha cousa persoal. O que deu a banda no Teatro Campoamor de Oviedo no ano 1997. Momento que a banda chegou a un nivel musical que era, vindo de donde viñamos, a todas luces incrible o non a moita distancia do que podía ter unha agrupación profesional. Pero houbo mais, Madrid, Lisboa, Barcelona, Murcia… e todos os pobos e vilas mais pequenas pero non menos importantes que nos recibiron cos brazos abertos e que hoxe forman parte da nosa historia.
As anécdotas, algunhas nas que podería incluir ata ás barbas do Vello Pancho…, case que as vou deixar para auditorios mais pequenos..
O proxecto de Hernán convertíase nunha realidade, unha realidade que abrumaba. Unha realidade que se convertía nun polo de atracción para a mocidade de Ribadeo de esa época e tamén para quen non era tan novo. Un grupo que chegou a contar con mais de cen integrantes e que deixaba a súa seña de identidade aló por donde ía.
A creación da Escola municipal de música aló polo ano 1993 , tamén da súa man, non fixo mais que reforzar ese traballo e asegurarse unha canteira sólida que dera continuidade á banda. Todo medraba sen parar, e a sensación para os que o vivíamos dende dentro era a de que non había un límite. Gravacións e novos retos no repertorio con obras de enorme tamaño, todo se sucedía con gran velocidade. E neste punto, así como sucede neste texto, de maneira abrupta, chega a ausencia.
Unha ausencia inesperada. Unha ausencia a contrapé. Unha ausencia inxusta. Unha ausencia cruel.
Un vacío infinito. De súpeto, nada.
Faltaba o director. Faltaba o profesor. Faltaba o trompetista. Faltaba o compositor, o arranxista, o literato, o político, o dono desa caligrafía pluscuamperfecta. Pero sobre todo faltaba o amigo.
Falar de Hernán en representación dos que medramos con él tanto como músicos como como persoas parceme algo no que nunca lle vou facer xustiza e xamais terei as verbas correctas para describir todo o que significou. Teredes que perdoar se non consigo transmitir o que moitos de vós levades dentro cando vos lembrades del. Pensei que sería mais doado plasmar no papel este sentimento que me acompaña dende fai tanto tempo e que sei que é compartido.
Todos nós te botamos de menos e estou seguro de que conseguiremos que a túa chama, esa luz que nos iluminou a todos e todas, non se apague xamais. Porque estabamos ó borde do precipicio, pero conseguimos dar un gran paso cara adiante.
2d. Banda: Lonxe do Mar (Hernán Naval)

3a. Presentación.
Competencia e colaboración, banda e coral. Dúas formacións musicais con función máis aló da música, social e cultural. Unha colaboración que se plasmou hai 34 anos, poucos meses despois da primeira actuación da banda, cun ‘Va pensiero’ que ía acompañado no programa coa seguinte nota:
–
Neste novo 17 de maio, o Excmo. Concello de Ribadeo, co seu propósito permanente de defensa e promoción da lingua e da cultura galegas, quer ofrecer aos ribadenses o labor meritório dos sobranceiros colectivos musicais do concello, como mostra da estima que desde a institución municipal se lles profesa.
A veterana Coral Polifónica de Ribadeo, incardinada desde hai lustros na vida local, oferécenos máis unha vez, baixo a dirección da súa titular Mª do Carme Rodríguez Cancelo, unha mostra do seu amplo repertório de música galega. E a banda municipal, dirixida polo profesor Hernán Naval Parapar, apresenta as últimas composicións incorporadas ao seu crecente repertório.
Comprácenos participar desa primeira experiencia de colaboración artística entre a Coral e a Banda que será ó final do concerto: xuntas interpretan unha páxina senlleira da história da música, o coro ‘Va, pensiero…’ da ópera Nabucco, de Giuseppe Verdi. Pola trascendéncia reivindicativa que a nación italiana lle otorgou ao ‘Va, pensiero…’ antóllasenos que o seu resoar baixo a cúpula da nosa parroquial, no Día das Letras Galegas, é dunha oportunidade incuestionábel.
Ribadenses todos e Polifónica e Banda en singular, recebide este saúdo municipal no Día das Letras Galegas 1992.
3b. M. Carme Rodguez.

3c. Banda e coral: Yo te diré (J. Halpern/E. Llovet, arr. por Hernán Naval)

4a. Presentación / Remate.
Pasou a música, aínda que Hernán sabe que non toda. Estamos a piques de rematar, por iso imos lembrar o seu artigo final do libro dos cinco anos da Banda, 1997, no que anticipaba que quería quedar en Ribadeo a pesar de atrancos que tivo naquela época. Que anticipaba que se ía quedar con nós. Aí vai:
–
Así que pasen cinco anos.
Aviso inicial para leitores sagaces. Este artigo comeza e acaba en páxina par, isto é, a verto o libro, ollemos á esquerda. Non en balde, foi un membro do Comité Central do Partido Comunista Portugués que xestionou a participación da banda que ate hoxe dirixo no Festival Internacional de Bandas Amadoras de Loures, Portugal, en novembro de 1995. E de tocar na mesmísima Lisboa ocupeime eu. Non vaia a pensar ninguén, tras a leitura da penúltima plana deste heteroxéneo libriño, que só se acede á gloria pasteleira desde unha das beiras. Lembro con saudade unha viaxe a Madrid con Eduardo Gutiérrez en decembro de 1994 para conseguirmos que a banda tocase na capital do Estado un mes despois no auditorio de La Vaguada, no hotel Foixá e… na Praza Maior!, sen arruinarnos de todo. O que leva chovido! (que lles pregunten aos de Múrcia…).
Este meu artigo, esta miña canción, leva letra, mesmo desde o título, de arrebatado bolero paixoal, “de lo que pudo haber sido y no fue”.
Quería rememorar cun ponto de ponderación o Congreso de Bandas de Música Populares de Galiza que organizamos en Ribadeo en novembro de 1994, pero entroume a amargura: só o Concello, daquela, puxo o hombreiro económico institucional de xeito non limosneiro; os compoñentes da banda sinfónica de Galiza que dirixiu Marcel Van Bree, cobraron con moitos meses de retraso as súas dietas, e senón é polo Concello daquela e pola Federación de Bandas, había ter que pagar eu do meu peto a publicación das ponéncias. Miren agora este libro, pero insisto: a min, léanme, con cartos ou sen eles, de páxina par a páxina par. De todos os xeitos, o pior é que as propostas conceituais de renovación e de modernización que lanzamos naquel Congreso, coa bagaxe ribadense como prototipo, están na despensa mental sen perspectivas de consumo da maioría dos participantes foráneos, e van máis de dous anos.
Quería publicar, como se prometeu nas notas ao programa do último, aquí como en Viena, a lista de paso-dobres interpretada pola banda desde o seu debú o 25 de xaneiro de 1992. Pero se hai entre os colaboradores do libro quen se auto-limita o espacio para non falar de nós, da banda actual, e si das de antano, conmigo pode a pereza -e o espácio-, e non hai lista que valga, porque, pese ao que digan, é case tan longa como a de Schlinder, que musicalmente prefiro.
Releo o anterior e descúbrome algo influido polo exuberante barroquismo literario dalgúns articulistas procedentes impares que teñen algún pequeno problema coas comas, os guións, as frases parentéticas e as “aspas” (ouh!, as aspas), pero ningún co espácio. Pésie a que quedei coa directiva de Amadores en coidar eu da edición do volume, non teño vocación e menos capacidade para actuar de censor, nen sequer fronte a un émulo do professor Quintana, que tamén circula entre estas páxinas, e menos mal que, como acertan varios, a música é unha linguaxe universal, unha linguaxe universal, unha linguaxe universal, etc. Poñerlle a man a algún artigo sería, por suposto, excederme nas miñas atribucións, que hai quen confunde con “atributos”; o dos atributos non son eu.
Tamén tiña pensado cantar as excelencias da Escola Municipal de Música, pero xa hai, no libro, quen lle descobriu unha paternidade oculta e quen expresamente me recomenda dirixila, e non falo de decretos, falo de algo que se di nesta publicación.
Neste libro fálase por primeira vez de licenciaturas en instrumentos musicais, de títulos de director de banda, de mestres, compositores e musicólogos, dos que non sabía. E eu, con istos pelos (poucos). Está claro que me teño que reciclar. No entanto, para que dar outra vez o coñazo coa música de cámara, coa corda, coa banda sinfónica… Estudarei en recollimento con este documentado libro na cabeceira e os meus eses: Sibelius, Shostakovitch, Strauss, e igoal discurro un método Stanislavski (comeza con ese) para a interpretación musical. Prometido.
Quería falar de como case non fumos a Barcelona en abril / 95 e de que por que non fumos a Ourense en Xullo / 93, pero, con tanto patrocinador institucional polo medio, será mellor que cale unha vez máis. A min mesmo, si que me podo auto-censurar. Non pasará nada por que diga que a tocar no teatro Colón da Coruña en agosto de 93 levounos a Nacionalista Federación de Asociación Culturais de Galiza, entidade hoxe desaparecida por inanición institucional, entre outras cousas, e que en aquel concerto escoitounos e felicitounos a deputada Pilar García Negro.
Destas cousas, e de algunhas outras, tiña decidido falar cando a xunta directiva de Amadores da Música ideou tirar este libro conmemorativo do quinto aniversário da banda. Déixoo para o décimo. A ver se no o segundo, lustro, Eli e máis eu vivemos tempos musicais de fartura, Coté e máis eu fartámonos de cervexas, Lalo e máis eu montamos unha ópera (el xa sabe cando), a Banda, -con Eva- e máis eu, damos unha volta ao mundo de verdade e non só no pentagrama, e grabamos o disco dunha puñeteira vez. Daquela, á nena oculta da fotografía da páxina anterior chegaranlle os pés o chan e agardemos que todos teñamos os nosos na terra. Así que pasen outros cinco anos.
Todo, claro, se non sego algúns consellos nen sego a Carlos Núñez e á Nova Trova Santiagueña cando interpretan xuntos aquela que di…
–
Agora si. Toca facer lembranza de que os actos que conmemoran o 25 cabodano de Hernán, están organizados en colaboración coa viveirense e hernaniana Pensamento e Sementeira. Agradecemento a Paco Luis, Xiana e Lucía.
Este emotivo acto manteno por esta beira á Agrupación Cultural Francisco Lanza, tendo que agradecer a colaboración de Amadores da Musica, o Concello de Ribadeo, Vicepresidencia primeira, área de cultura, da Deputación Provincial de Lugo, Escola de Música. A Hortensia, Fernando Fernández, Luis e Macu, Isidoro e Aurora, por facilitar fotos e vivencias. A Chenchu, por dar imaxe a todo este proxecto, e por suposto, á Coral Polifónica e á propia Banda Municipal e ós seus directores.
Con isto, damos paso ó remate deste acto, como facía Hernán:
4b. Hino galego

