Adxunto unha nota da A.C. Francisco Lanza ós socios, que pode facerse extensiva a toda a sociedade:
Avecíñase unha fin de semana ben intensa, pois imos celebrar o Día das Letras Galegas (que debemos honrar todo o ano aínda que teñamos unha data ben singular para prestarlles especial atención).
De entrada, debemos comentarvos que a presentación do libro dedicado ao rock bravú que ía presentar Xurxo Souto, ten que ser adiada até novo aviso por indisposición do autor. Agardamos que poida visitarnos axiña, pero debemos agardar a que repoña forzas e poida deleitarnos co seu verbo intenso.
Por outra banda, desde o venres imos poder visitar, na Escola de Música, a exposición dedicada a Hernán Naval. Esta exposición vaise poder contemplar até o remate do curso na Escola de Música.
Xa no sábado 16, ás 14 horas vai ser o Xantar en Homenaxe a Hernan Naval no Restaurante O Mariñeiro. Aínda quedan algunhas prazas libres. Se alguén quixera inscribirse a última hora pode dispoñer dalgunhas tarxetas de invitación no Bar Cantón.
E pola tarde, ás 19:00h. terá lugar o concerto homenaxe a Hernán Naval no auditorio que leva o seu nome. A entrada será gratuita até completar aforo.
Ademais, durante toda a fin de semana, desenvolveremos a campaña “Un caravel, un libro” nas librarías ribadenses. Pola compra dun libro en galego, recibirase un caravel como agasallo (até completar existencias). Co caravel e o libro, unha cativa tarxeta en lembranza do día.
Sen máis, reciban un cordial saúdo.
Farruco Graña
(Presidente da A.C. Francisco Lanza)

