Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.477 posts
38 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Faltan ribadenses


Faltan ribadenses

De xeito periódico, cando sae a actualización das estatísticas de poboación hai un medre de novas sobre a catástrofe demográfica galaica, como se di nos termos máis alarmistas. Non vou entrar aquí a xulgar se é ou non catástrofe, as oportunidades que ofrece ou deixa de ofrecer e outros asuntos semellantes. Mais, como se di das meigas, ‘haber, hainas’…

Ven a conto de que nalgunha procesión pola que tiven oportunidade de pasar os ollos pareceume que non só os asistentes, senón boa parte dos carrexadores non eran ribadenses. Si, claro, estou a falar de procesións en Ribadeo, Semana Santa 2026.

Que non haxa moitos ribadenses acudindo a procesionar non ten nada de raro vistas as estatísticas de practicantes da relixión católica a nivel estatal, algo que en Ribadeo se puido observar como tendencia ó longo dos últimos anos. Mais este ano, en pleno medre turístico por nonseicantos ano consecutivo (este último ano, din as malas linguas, non medre, senón desmadre), parece que a tendencia de asistencia ás procesións ribadenses variou, medrando netamente debido á participación de xente de fóra. En canto ós carrexadores, ó ter que ser certo número, coa cantidade necesaria de xente xa pensada de antemán, non se observou variación semellante, mais si, como dixen ó comezo, estivo claro que houbo unha porcentaxe apreciable de xente ‘de fóra’.

Neste último capítulo que refiro, chocoume o que chegara a min, xa pasada a Semana Santa, que pouco antes dunha procesión, un coñecido que ía na procura de sitio libre nalgunha das terrazas próximas a igrexa parroquial fora interpelado para facer de costaleiro na procesión inmediata. Quen mo referiu non era unha terceira persoa, senón quen recibiu a oferta, e engadiu que a pregunta ía con incentivo: ofrecíaselle cartos a cambio de realizar a encomenda. A negativa recibida non sei se incomodou ou non a quen llo propuxo, se era a primeira persoa que recibía a proposta ou só a penúltima, ou outras circunstancias do estilo. A procesión saíu, logo o problema debeuse solucionar, fora ou non a base dun sobretraballo dos costaleiros que xa había (non sei se foi ou non así). De calquera xeito, o dato apunta a que os tempos relixiosos non é que estean a cambiar, senón que xa cambiaron. Non sei se se segue ou non a pedir polo rei nas misas de Ribadeo, como me apuntaron que ten pasado hai tan pouco como menos dun par de anos, pero si está claro que o efecto do cambio contribúe un pouco máis a deixar os actos relixiosos máis baleiros, e convertidos en algo exótico que aproveita do turismo para conseguir masa abonda nun sentido que se antolla parello á situación no canto da expulsión dos mercadores do templo por parte de Xesús.

Reaccións do Fediverso

Unha resposta a “Faltan ribadenses”

  1. Alégrome de saber que non son o único ribadense que non vai o teatrillo das procesións de Semana Santa. Uff, que alivio!!!

Deixa una resposta a Pancho Campos Dorado Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *