Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.483 posts
38 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Antonio Díaz Amor, melómano (1965-2026)


Antonio Díaz Amor, melómano (1965-2026)

Carlos Álvarez Lebredo

Poderíase poñer a palabra ‘músico’ en vez de ‘melómano’ no título deste artigo. Porque no tempo que lle concedeu a vida (60 anos) a Antonio Díaz Amor ‘Coté’ el foi músico xusto ata aí diante (pouco, como el mesmo recoñecía) pero a cambio foise convertendo co tempo nun melómano de espectro cada vez máis amplo.

Sen deixar de ser ribadense, Coté levaba afincado en Baio (Zas) desde o ano 2002 cando foi destinado como profesor de Filosofía no instituto da localidade. Ata alí se trasladou coa súa esposa Tatiana Pankrátova —a quen coñecera en Ribadeo uns anos antes— e a filla Dasha. E alí comezaron Antonio e Tatiana un intenso labor cultural, hoxe recoñecido en todo o concello de Zas e territorios da contorna, entre Bergantiños e a Costa da Morte, na denominada Terra de Soneira. Nese outono de 2002, nada máis chegar, Tatiana creou e dirixiu a Coral Xan Mella, amparada pola Asociación Musical Pepe Valiña.

Falecido en 2004 este activista cultural baiés, Antonio Díaz foi asumindo máis responsabilidades e en 2008 xa se converteu en presidente da Asociación. O tamén baiés Cándido Fuentes, antecesor no cargo de Coté, declarou un día: “A Asociación funcionaba máis ou menos ben, pero un día apareceu Tatiana e revolucionouno todo”. E detrás de Tatiana estaba Antonio Díaz Amor. Porque a partir dese ano 2002 Tatiana Pankrátova creou e dirixiu a Coral Xan Mella pero Coté foi o factótum da agrupación: el encargouse dos contactos, dos programas formativos, da axenda de actuacións, dos desprazamentos, das infraestruturas e das relacións coa prensa. Conservo no meu arquivo musical programas e reseñas de actuacións en diferentes lugares de España que Antonio me ía enviando porque tiveran eco na prensa escrita e na rede. Con Tatiana Pankrátova sostendo a batuta, a Coral Xan Mella non se entende sen a contribución de Antonio Díaz Amor. E iso que el nin dirixía, nin ensaiaba e nin sequera cantaba.

En Ribadeo é lembrado como un gran afeccionado á música e mesmo como ocasional intérprete de pop-rock pois gustaba de tocar a batería nas sesións informais que, entre fume mesto e bretemoso, tiveron lugar en tempos no Recuncho e no Bar Millo. Co seu habitual humor el dicía que tocaba no Toñán Trío (Toñán: apelativo cariñoso de Antonio Martínez Amor) xunto a el e a Rodrigo Pérez Lorido. Tamén estivo detrás da publicación dun simpático fanzine de grata lembranza en Ribadeo, que chegou a editar ata cinco números: ‘O Pipelo’.

Cedida por Coté, xa publicada en https://blogs.amarinha.gal/ribadeando/2023/01/25/choupin-portada-do-pipelo/

A pesar destas orixes musicais, nun momento determinado Antonio Díaz Amor acabou por apreciar o labor musical e formativo que supón a creación, dirección e sostén dun coro polifónico. A explicación está, por un lado, en ter coñecido en 1999 e deixarse levar da man de Tatiana Pankrátova (titulada en Minsk, Bielorrusia, co grao superior de Piano e en Dirección de Coro) e en comezar a ter longas conversas co seu avó Antonio Amor Loredo (veterano integrante da Coral Polifónica de Ribadeo e logo dos coros Airiños e Miserere). Ambas circunstancias servíronlle a Coté para aproximarse ao fenómeno coral e para calibrar a importancia, o esforzo e a transcendencia dese labor. Nun momento determinado confesoume a súa admiración pola magnitude da iniciativa levantada en 1954 por Carlos Á. Fernández-Cid, e continuada desde 1983 ata hoxe por M. Carmen R. Cancelo, que é a Coral Polifónica de Ribadeo:

—Parece incrible a cantidade de xente que conseguiu convencer Fernández-Cid co seu proxecto naqueles difíciles anos, como se foron renovando os cantores, e que educación musical deixou e deixa ese proxecto en Ribadeo.

Na medida das súas posibilidades e das circunstancias da localidade, el e mais Tatiana quixeron levar adiante un proxecto semellante en Baio.

Pasei unha mañá do verán de 2023 falando de música con Antonio e Tatiana en Baio. Eu quería completar con eles dous unhas notas para o capítulo que lle dediquei a ela (o XXV) no meu libro ‘Historias con pentagramas’. Comprobei a afabilidade e popularidade de ambos nesa localidade. Pero tamén que ningún dos dous quería perder os contactos con Ribadeo: M. Carmen R. Cancelo, Eli García-Bouso… E con orgullo anotáronme:

—A nosa filla Dasha é titulada en violín. E entre 2019 e 2021 exerceu de profesora na Escola de Música de Ribadeo.

Un ano máis tarde, verán de 2024, coincidimos en Ribadeo diante dunhas pintas de cervexa, como a el lle gustaba estar. Con certa resignación avisoume: “Non melloro da espalda. Teño difícil vir a Ribadeo tanto como me gustaría; ata me costa subir as escaleiras da casa familiar nos Cuatro Canos”.

Con todo, non deixou de ser unha sorpresa que falecese o pasado sábado 20 de marzo mentres gozaba, xa xubilado, dunha excursión cuns amigos polas escarpadas e luminosas terras de Oia.

Nota: este artigo, co título precedido de ‘Lembranza de’, foi publicado na Comarca nº 5531, de 4 de abril de 2026

..

Artigos no blog con referencia (1) a ou de (3) Antonio Díaz Amor:

Na memoria

Música!

De festas e botellón

A banda de música como realidade pluridimensional

Reaccións do Fediverso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *