Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.459 posts
38 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

O Trolas


O Trolas

En todos os pobos hai, máis ou menos, unha serie de personaxes que van do curioso ó típico, pasando polo estrambótico. Son característicos por algunha cousa que se pode considerar rareza, sen que iso sexa indicación pola nosa parte de asombro, seguimento, antipatía ou outros sentimentos cara eles. Son descritos, en conxunto ou por separado, de xeito directo un indirecto, en numerosos lugares, dende a literatura ‘de libro’ ó artigo de lembranza. De feito, hai aínda só uns días topei cun artigo saído da man de Ángel Alda sobre un personaxe madrileño, neste caso, tratado con cariño, melancolía e unha perspectiva histórica, por responder a un carácter xa dun tempo pretérito.

Este artigo ven a conto dunha das personaxes, xenérica, que podemos chamar ‘O Trolas’ ou ‘O Troleiro’. Emprego o masculino non porque non haxa mulleres que acrediten ó posto, nin por tendencia de xénero, senón porque entendo que na actual sociedade son máis e nótanse tamén máis ‘os’ que ‘as’ Trolas. Así que, os Trolas. A maioría dos Trolas son de pequena monta, ‘de andar por casa’, e a quen máis dano fan son a si mesmos, ó montar un mundo irreal á súa medida. Mais a cousa pode ir a máis, e hainos que poden causar moito dano á sociedade en conxunto ou/e a algún membro en particular. Tamén, de xeito frecuente e aínda que se lles caza unha e outra vez (é coñecido o dito de que se colle antes a un mentireiro que a un coxo) os Trolas non soen sufrir eles mesmos moitas consecuencias negativas. En xeral, sofren menos por elas que a xente que se ve afectada polas súas trolas. As razóns de que sexa así poden ser variadas. Unha é o pasotismo social de boa parte da xente que de xeito iluso pensa que a cousa non vai con eles ata que lles toca, ou a outra cara da mesma moeda, o seguidismo incondicional que algúns fan do Trolas. Pode ser tamén que porque O Trolas teña un certo poder e por iso se lle perdoen as mentiras ou se lle rebaixen a ‘mentiriñas’, se trate como ‘erros’ (por moi continuados e intencionados que sexan), etc. Pode, afondando no anterior, que porque chegue a ter unha certa influencia sobre os medios, evitando así que moita xente que é prexudicada teña conciencia do que pasa. A máis, pode que ‘unha perna tape á outra’, que non dea tempo a desenmascarar unha mentira e difundir o feito, cando xa se ten outra encima no continuo movemento mentireiro… Así pois é difícil de atacar se non se fai dende pequeno: pouco a pouco vai tolerándose e normalizándose. Máis aínda, vai creando escola e multiplicándose os casos o aumentar os troleiros.

O caso é que mentira tras trola tras engano, O Trolas chega a caracterizarse por ir inventando sobre a marcha, sinal de ter acadado unha certa mestría coa práctica continua, e estratexia na que se apoia e alimenta. E así O Trolas vai introducindo no entorno social, seu e teu, unha ‘verdade’ falsa, mesmo un ‘relato’ que, como tales, afectan de xeito negativo ós seus veciños, a ti… Xente así pode habela en calquera lugar, pero (sen que coñeza estatísticas) diría que no entorno da política é un dos lugares nos que abunda especialmente.

Fai un pouco de memoria. Seguro que podes identificar algún no teu pobo. No caso de identificalo, procura contribuír a cortar canto antes a restra de mentiras: farás un ben ó pobo, ós teus veciños e a ti mesmo, sobre todo se é antes de que afecte ás institucións e normas polas que nos rexemos.

Follow this blog on Mastodon or the Fediverse to receive updates directly in your feed.

Ribadeando
Ribadeando

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.459 posts
38 followers
Reaccións do Fediverso

Unha resposta a “O Trolas”

  1. @ribadeando Un artigo tan específico como xeral. A mentira compulsiva había que tratala como un crime e cambiaba a cousa…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *