Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.425 posts
33 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Algunhas consideracións sobre o novo peche perimetral do Colexio Gregorio Sanz de Ribadeo


Algunhas consideracións sobre o novo peche perimetral do Colexio Gregorio Sanz de Ribadeo

Nota de prensa

Plataforma polas nosas árbores. Ribadeo

Despois de só ter información abonda tras ser comezadas as obras do novo peche perimetral no C.P. Gregorio Sanz, xorden as preguntas. Por que se derriba todo o muro existente, sen pensar na súa posible rehabilitación, onde fixera falta?

Dentro da lonxitude total, hai bastantes tramos nos que o peche actual está ben. De feito, non hai zonas onde o muro estivera caído ou con ameaza de derrube. Por módulos, pódese dicir que máis dun 60 % do mesmo está en boas condicións, mantendo a resistencia e a protección adecuada. A máis, de seguro aínda quedan módulos semellantes en existencia, pois mesmo o C.P. de Foz, máis recente, esta construído co mesmo tipo de material.

Asemade, os piares prefabricados onde se intercalan os módulos están practicamente todos ben. O muro de base que soporta os módulos, duns 60-70 cm de alto de ladrillo de dobre tabique e recheo, lucido con morteiro nas dúas caras exteriores, cunha anchura de 27 cm, está ben na súa totalidade. So precisaría corrixir pequenos desconches, aproveitable para revestir con pedra vista do país

Como outras veces, parecería lóxico ter feito un estudo técnico-económico, que axudaría a tomar a decisión fundamentada, antes de decidir rehabilitar ou facer todo o peche novo. Polo que sabemos ata o momento, non se fixo. Se estivésemos equivocados (ó fin, todos sabemos que a Consellería de Educación ten arquitectos funcionarios), gustaríonos velo e logo opinar con datos. Mais todo parece indicar que se repite a mesma situación que co futuro ‘novo Centro de Saúde’: apostar por todo novo, derrubar, e non por algo sostible, rehabilitar. Máis escombros, máis lixo, máis destrución e menos reconstrución… e máis gasto.

Que alternativas se barallaron, antes de decidirse pola que están executando? A solución elixida, eleva os custos de dita obra de forma importante, tanto en man de obra como de materiais. Lembremos: un muro base de formigón armado, de 30 cm de ancho e 1 m de alto. Sobre este muro ancóranse postes redondos prefabricados de plástico macizo duns 12 cm de diámetro, de 3-4 alturas distintas por cada 6 postes colocados (altura media de peche 2,65 m). Os postes redondos verticais van unidos por dúas varas de aceiro horizontais, que atravesan, previa perforación, cada un dos postes. Se un destes postes rompera, por impacto ou accidente, a substitución seria complicada.

Compárese isto co peche actual, modular prefabricado sobre muro de base de ladrillo, que non colapsou en ningún punto, contra o que saíu publicado nalgún medio de comunicación no que o Alcalde dicía que o peche actual estaba esnaquizado. A realidade é que nin se cae polas esquinas como dicía, nin polas partes rectas. Tamén se apuntaba que se procurara unha solución innovadora, única en Galicia, xa que se usaba plástico de botellas para facer os tubos redondos de plástico. Segue a ser plástico, non moi sostible nin respectuoso co medio.

De facelo novo, unha alternativa podería ser o uso de madeira, material sostible e renovable, doado de instalar en combinación con formigón, ou aproveitando o tabique de ladrillo existente. Prodúcese nos nosos montes e trabállase en aserradoiros tamén galegos. Castiñeiro, carballo, piñeiro, seleccionadas, procurando fortaleza e cerna. Pino tratado en autoclave, para que os produtos que se empregan no tratamento cheguen a introducirse no interior da peza tratada. Algunha das moitas ideas aplicables:

O murete existente no peche actual quedaría como está. A partir de aquí colócase unha viga de arrastre, de sección 20 cm x 15 cm, previa colocación cada 3 m de postes verticais de sección rectangular de 20 cm x 12 cm, e unha altura igual a que se lle queira dar ó peche, ancorado con morteiro na cámara do muro. Na parte superior, no espazo entre dous postes verticais, colócase un largueiro de sección rectangular, tomado con tirafondos nos dous verticais. Logo remátase cada módulo con táboas verticais de 3-3,5 cm de de grosor, ancho de 12-14 cm separadas 6-8 cm. Así cada módulo. Tamén se poderían usar postes redondos verticais, no sitio das táboas, da mesma altura, cun diámetro de entre 8-10 cm de grosor.

Que vantaxes tería este sistema? Fácil colocación e cando algo se rompera, polo transcurso do tempo ou por accidente, seria moi doada e barata a substitución, todo o contrario que co sistema de peche que se está a executar.

Por último, lembrar que un proxecto de peche nun centro educativo, deberíase presentar ó profesorado, a asociación de nais e pais e sobre todo ós alumnos, como un motivo de participación e posibilidade de opinar, como algo para que se sintan implicados en todo o que se fai nos centros de ensino.

Con todo o aquí manifestado, non se entenda que estamos en contra de mellorar o peche. Tan só aportar algunhas ideas, que o noso modo de ver se deberían ter en conta a hora de utilizar fondos públicos, diñeiro de todos aínda que sexan Fondos Europeos.

E por suposto, lamentamos que, unha vez máis, se cortaran árbores sen necesidade.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *