25 anos, moita historia
É unha casualidade que o século e a Wikipedia se leven quince días: o século comezou o 1 de xaneiro de 2001 (por certo, o 1 de xaneiro é o día da liberación de obras ó dominio público unha vez caducados os dereitos de autor); a Wikipedia, o 15 de xaneiro do mesmo ano comezou a súa versión inglesa. A ambos lles corresponde unha historia inacabada pero xa dun cuarto de século. Unha historia que continúa, segue, é actual. Unha historia que estamos a vivir.
Comparar unha entidade creada pola humanidade co simple paso do tempo, por moi compartimentado que o teñamos en días ou séculos, non é nada novo: é así como se escribe a historia dende sempre, asignando os feitos ó que nós dicimos anos, días ou séculos. A Wikipedia -tamén a súa versión en galego, a Galipedia, gl.wikipedia.org- non só ten xa historia, senón que ten artigos de historia, mesmo artigos adicados a si mesma, que xa forma parte da historia do coñecemento e a súa transmisión. De feito, poucas creacións humanas teñen un nivel comparable de rexistros históricos de si mesmas, pois a Wikipedia garda copia accesible de todas e cada unha das edicións que se tiveron nela. Unha historia e unha cantidade de información que leva a que ó falar sobre a Wikipedia, a sua organización e os seus proxectos irmáns, se teña sempre a sensación de quedar curtos na exposición desta ferramenta que vai emparellada á transmisión do coñecemento e da cultura do século XXI.
Facendo unha pequena digresión: falo de proxectos irmáns porque o son tanto o repositorio multimedia que é commons, como wikilibros (unha wiki de creación de libros), wikinews (de noticias), wikcionario (diccionario) e unha ducía de proxectos máis que recollen a idea de construción colaborativa para achegar coñecemento, información, datos… en diversos formatos e estruturas, de xeito libre a toda a humanidade.
Hoxe por hoxe, a Wikipedia é a maior enciclopedia que a humanidade teña construído. En máis de trescentas versións lingüísticas, ten un desenvolvemento desigual. Na súa versión en galego aproxímase ós poucos ó cuarto de millón de artigos, pasando desa cifra en entradas complementarias que facilitan a súa xestión. Ten máis de 160 000 usuarios rexistrados, dos que uns 400 fixeron edicións no último mes, creando uns mil artigos novos mentres producían uns 15 000 cambios en artigos xa existentes. De media, cada pouco máis de dous minutos prodúcese unha edición, o que é moito, aínda que cadre lonxe das dúas edicións por segundo da edición inglesa, nestes momentos a maior con diferencia e con máis de 30 veces máis entradas que a Galipedia.
Enciclopedia colaborativa, libre, que tenta adoptar un punto de vista neutral, a Wikipedia está mantida pola fundación Wikimedia, que hoxe por hoxe ten un orzamento anual de decenas de millóns de euros, recollidos de doazóns. A Wikipedia e os proxectos irmáns ven hoxe como se lles erguen novos desafíos tanto organizativos como externos, dos cortes de acceso por parte de países con gobernos ós que non lles gusta a sua neutralidade, a unha IA que se alimenta dela pero que tenta substituíla aínda que deixe polo camiño a neutralidade entre outras cousas. Non é a primeira vez que a Wikipedia se ve desafiada. A lembrar que nos seus comezos víase como pouco fiable, mesmo aínda despois de que no 2008 diversos estudos amosaran que ao menos era tan fiable como a daquela louvada Encyclopaedia Britannica. Mirando ó futuro, tampouco os próximos cambios serán os primeiros que se fagan na estrutura tecnolóxica: por exemplo, hai tempo que se está a usar a ‘aprendizaxe pola máquina’ para axudar en traducións internas… o que é ben diferente de deixar que a IA tome o control dos artigos ou da súa presentación ós usuarios.
Por ultimo, dicri que para entendérmonos mellor, quizais deberamos falar de wikipedias e non de Wikipedia, pois as diferentes versións (máis de 300) presentan aspectos diferentes en moitos sentidos, dende a calidade do contido á súa cantidade, pasando polo tipo de artigo preferido. Non atoparás un artigo sobre Ribadeo mais completo que o da Galipedia, pero dificilmente a Galipedia che dará máis información sobre Nova York que a Wikipedia en inglés… É un xeito que ten a Wikipedia de adaptarse ás diferentes comunidades, que se aproximan así, cunha adaptación diferencial, a unha desexable ‘Soberanía dixital’.
