Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.419 posts
33 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Faros de Galicia e Memoria Histórica


Cabo Vilán. Lic CC BY SA 2.0 por Ignorant Walking

Négome a que me poñan límites. Négome a que me adoutrinen. Négome a ser instrumento conxuntural. Négome a que me confundan cambiando o accesorio polo fundamental. Négome a que a política usurpe o espazo do patrimonio social, cultural, ecolóxico e costumista. Reivindico o meu dereito humano a ser para decidir. A que paisaxe e veciñanza formen parte da miña identidade como pobo e comunidade que se comunica coa natureza da que procedo e onde quero seguir vivindo.

Estas impoñentes catedrais dun mar de cultura comezaron sendo emprazamento de fachos e vixías. E aos poucos, integrándose na paisaxe galaica costeira, pero sen esquecernos das súas funcións para a navegación, que no século XIX estivo infestada de traxedias entre a morte e aqueles raqueiros que fixeron do perigo unha fonte de riqueza. Ata que o Almirantazgo Británico obriga ao reino de España a elaborar o Plan Nacional de Iluminación Marítima -1847- do que se desprenden fermosos edificios de sinais e vivendas, constituíndo toda unha arquitectura costeira e sendo o primeiro o de Estaca de Bares.

Pero quedariamos curtos co relato historicista. Hai que memorizar como era a vida e o traballo nos faros. Eses técnicos-funcionarios-vixías que coas súas familias deron vida á paraxe e garda permanente aos nosos portos. Formáronse baixo a autoridade científica dos mellores enxeñeiros, creándose unha Escola de prácticas en 1850 en Alcobendas onde aprenden a ser quen mantén o servizo pero tamén as manobras precisas para a navegación costeira nocturna.

Se me piden que sinale algún destes monumentos marítimos, quedo con dous. O cíclope de Camariñas denominado Cabo Vilán, e esa obra mestra de César Portela en Punta Nariga preto de «a vila da vida na Costa da Morte-Malpica». Onde conflúen todos os granitos que existen en Galicia e refire un buque atracado cun mascarón de proa, que vista desde terra é un paxaro e vista desde a beira da mar é un humanoide. E é que aos faros hai que velos desde os ceos, desde a mar e desde terra.

Polo devandito, son devoto dos faros. O seu emprazamento. A súa historia. A súa conivencia con ceo, mar e terra, fainos catedrais da paisaxe. Lugar irrenunciable para a humanidade. E é que pertencen a tal. Os poderes públicos que se apuntan a súa propiedade non só non son dignos de confianza, é que tan só lles corresponde administrar o que nos pertence a todos. De aí os movementos cidadáns que non queren que Illa Pancha sexa un hotel máis para turistas. E é que a sociedade crítica e pensante debe máis pronto que tarde diferenciar viaxeiro de turista. Os primeiros son ben vindos, como o foi Ruth Matilda Anderson ou George Borrow. Viñeron á nosa Galicia e desde a admiración e o respecto deron fe coa súa obra para o noso orgullo.

Pablo Mosquera

Reaccións do Fediverso
,

Unha resposta a “Faros de Galicia e Memoria Histórica”

  1. Escueto, preciso e entrañable relato. A vida dos fareros ou faristas, como se dicía en Ribadeo, encomiables vixilantes das condicións marítimas para que ademais de manter as luces especialmente, tiñan que poñer en marcha as potentes sireas de neboa, cando a bruma eclipsaba o horizonte. Vixilantes que sufrian os temporales e dormían a “trompicos” nas noites de galerna avendavalada do inverno. Canto sufrimento esquecido entre as catro paredes que daban vida a un marabilloso brazo de luz

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *