Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.409 posts
33 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Sobre as Panchas, a auga pasada, e algo máis


Tíñaseme pasado pola cabeza facer un pequeno estudo sobre as Panchas, a mal chamada ‘moeda local‘ de Ribadeo, na edición deste outono inverno de 2025. Pasóuseme o tema pola cabeza despois de ter comprobado que ó comezo da campaña seguía a publicarse no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica do Concello de Ribadeo a relación personalizada de gastos en Panchas durante a semana anterior. Dou por ben empregado o non poder facer o estudo despois de ter avisado o 6 de novembro de 2024 (https://blogs.amarinha.gal/ribadeando/2024/11/06/as-panchas-e-algo-mais/) ou o 15 de outubro deste ano (https://blogs.amarinha.gal/ribadeando/2025/10/15/sobre-as-panchas-unha-entrevista/) no blog, e noutras datas noutros medios, sobre a existencia dese listado do que non cheguei a saber se vulneraba ou non os dereitos de quen estaba alí sinalado con nome, apelido, data e gasto realizado.

Captura de pantalla a 6 de novembro de 2024 na que aparece un dos listados ós que me refiro.

O caso é que hoxe xa non están os listados ós que me referín, nin os da edición pasada nin os desta. Foron borrados os que xa estaban postos. Aprezando o feito de que foran retirados polo que estimo representan de intromisión na intimidade das persoas, é unha mágoa que non se poña en coñecemento público datos en forma anonimizada que permitan ós ribadenses facerse unha idea da situación das Panchas, o seu impacto, ‘éxito’, balance final de recursos (incluíndo mercadas e non gastadas), etc.

De paso, notei que outras moitas cousas anteriores do taboleiro tamén foran borradas, quedando -por poñer un exemplo- só algunhas actas de plenos dos últimos anos. Isto último implica que, moitas veces, e en particular, das últimas, se queres ver a acta dun pleno tes que ir ó concello e pedila alí, cun trámite administrativo, sen a posibilidade de acceso automático libre. En entradas anteriores do blog tiña recompilado os plenos comentados e/ou ligazón a boa parte das actas dos plenos do último cuarto de século. Agora pódense ver en https://www.ribadeo.gal/actas-do-concello/ … con grandes lagoas. Valla como exemplo, que non aparece ningún pleno do 2013, e só 3 do 2014. Pero tampouco ningún pleno de 2025 e só 1 de 2024, o que constitúe unha traba para o coñecemento do devir do concello por parte dos cidadáns. Particularmente, tentarei ilas poñendo a bo recaudo e ligadas cando vaian vendo a luz na rede -as que cheguen a tal situación- e andes de que desaparezan dela. Abondo diferente, ó que parece, das medidas tomadas polo novo alcalde de Nova York: no segundo día de mandato, creou unha oficina para animar á participación pública no goberno municipal.

A modo de corolario do anterior, a última entrada que visible no taboleiro do concello cando escribo isto corresponde ó 30 de decembro de 2025, ‘Publicación inicial orzamento BOP’. Dita entrada amosa só unha folla do Boletín Oficial da Provincia que, no referido ó seu título ven a dicir ‘pasa polo concello se queres ver o orzamento’. Por certo, unha folla do BOP que é compartida por outro aviso tamén correspondente a Ribadeo, “APROBACIÓN DEFINITIVA DO EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITO 66/2025” que mirando un pouco, e a pesar de ser ‘definitiva’ parece ter unha errata na única modificación que pretende amosar, no capítulo 6, correspondente a ‘A.2 Operacións de Capital’: o ‘anterior’ e o ‘Actual’ deben estar ben, pero a diferenza/modificación é evidente que non é -18 444,84 € + 18 444,84 €.

Reaccións do Fediverso
,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *