Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.401 posts
33 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Bíteres de Honra no Canteiro


Onte domingo foi a entrega dos 2os Bítere de Honra en lembranza de Aurora Sampedro no Canteiro, no local das antigas escolas onde estudou Aurora.

Lembro os premiados, segundo recollín en entrada anterior, e deixo algunha foto, e o audio do evento.:

  • Bítere in memoriam para D Xesús Mato Mato, fundador de Fuxan os Ventos, entregado pola súa contribución á nosa cultura.
  • Bítere institucional para Galicia Digital, organización representada por Xulio Xiz e o seu fillo Antonio. É outorgado polo coidado e a difusión da figura de Aurora Sampedro.
  • Bítere para a persoa que destaca en dar a coñecer a nosa científica, para Yolanda Martínez Bajo, directora de talento e cultura de BBVA.
Bernanrdo Penabade nun momento do acto, lembrando a Aurora Sampedro.
Bernardo Penabade e Manuel Rivero
Yolanda Martínez, nun momento da súa lectura de recepción
Antonio Xiz, recibindo o premio a Galicia Digital de man do Delegado de Cultura da Xunta de Galicia
Xulio Xiz, recibindo o premio de Xesús Mato de man de Manuel Rivero

Pola miña parte, lin o seguinte texto:

Boas tardes. Benvidas, benvidos. Grazas pola vosa participación. Non pola asistencia, senón pola participación.

É un honor para min participar neste acto ó que fun invitado polo incansable Manuel Rivero roubándolle un pouco de tempo e acompañando ó presentador, a Bernardo Penabade. Recálcoo porque o que eu poda sentir ou non, sendo de importancia prescindible para quen estades a escoitar, coido que conecta cos sentimentos e motivos que nos trouxeron a todos aquí e agora: estamos a lembrar a memoria de Aurora Sampedro, honrando coa concesión -valla a redundancia- dos Bítere de honra deste ano a Xesús Mato, Yolanda Martínez e Galicia Dixital. Así pois, non asistencia, mais participación.

A Xesús Mato non o coñecín directamente, máis é de sobra coñecido, e non só por Fuxan os Ventos e o seudónimo Cabodevila, senón tamén por outras actividades como a misa radiada en galego ou a fundación de Auxilia. Descansa en paz, pero segue a vivificar a nosa cultura.

A Yolanda non a coñecía e non podería dicir moito dela, mais quédome cunha frase súa que atopei de casualidade: ‘Si algo he aprendido de mi carrera profesional es la importancia de las personas y del equipo’. Coido que estas verbas definen non só o que poderíamos chamar a súa filosofía de traballo, senón a súa perspectiva vital, básica, ó fin, para que estea hoxe aquí.

Deixo para o final a Galicia Dixital -ben, eu sempre digo dixital, non digital- porque detrás de cada entidade, como di Yolanda, hai persoas, e o seu artífice, con permiso do seu fillo Antonio, é Xulio Xiz, a quen coñecín antes que a esta terra mariñá onde estamos. Apreciar a Xulio como persoa é algo que herdei do meu pai antes mesmo de ser consciente da súa traxectoria profesional. E non, antes de ceder a palabra non me vou estender

Reaccións do Fediverso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *