Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.359 posts
33 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Cando non é Nadal?


Cando non é Nadal?

Si, pregúntome cando non é Nadal. Comezos de Novembro e o alumeado de Nadal está dilixentemente disposto pola zona centro do pobo. E por esa zona estará ate despois de Reis. Non, non estamos a falar de Vigo ou algunha desas vilas dun certo tamaño coas que a cidade olívica compite ano tras ano, senón dun pobo que oscila entre 13 e 17 concelleiros. Claro que, en gasto por habitante nas luces do Nadal e falando por anos pasados (a falta de coñecer os datos deste ano), non lle ten nada que envidar a esas cidades ó estar no mesmo nivel de gasto por habitante (un exemplo: só a instalación, non consumo, hai 5 anos, xa ía por 2,39 €/persoa en Ribadeo e 2,75 €/persoa en Vigo). Pero iso vai no esforzo do Nadal (que aumenta máis por outros conceptos), non na duración. E é que polo que parece, o Nadal non chega con vivilo, hai que esforzarse en desfrutalo, dentro dunha tendencia xeneralizada non a sentirse feliz como algo persoal e social, senón a loitar pola felicidade como algo a mercar e conquistar.

Vale, postas as restras de luminarias nas rúas, engalanados os comercios con abetos, os turróns xa a disposición nas tendas, a lotería do 22 de decembro na rúa xa hai moito tempo, algunhas vivendas acendendo as luces que aínda quedaron do ano pasado sen recoller… estamos xa no Nadal!. Así que, cando non é Nadal? A festividade do Nadal é o 25 de decembro, o calendario mantense testán nesa data nesta zona do planeta. Mais se nos deixamos levar polas luces, só non sería Nadal dende mediados de xaneiro a finais de outubro. Pero é algo móbil: o período é elástico, e estírase, estírase… pode que ata un día, rache!

Para cualificar se estamos no Nadal, estoume a fixar nos signos externos que se van acumulando, aínda que na súa inflación podan confundirse con sinais de antroido, de Samaín (si, Halloween, si), indianos…. E é que os signos internos a cada persoa son abondo máis difíciles de notar, nuns tempos no que o ambiente se vai facendo máis e máis festivo con calquera motivo, co fin de aumentar o consumo, o gasto, e a ganancia dalgúns coa venda de ‘ilusión’ a todos. Aínda así, o día 25 de decembro poderase recorrer algunha zona do pobo sen máis luz da habitual: ‘sempre houbo diferenzas’.

O estiramento do Nadal sen atisbar o fin pode facelo rachar, si. Mentres, só queda que a alguén se lle ocorra algo como que toda a xestación xa é un pre-parto (unha idea que xa campa noutros temas) e con iso o Nadal se estenda a nove meses e unha semana de cada ano. Tocaría entón desfrutar do non-Nadal como tempo máis escaso?

,

Unha resposta a “Cando non é Nadal?”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *