
5603/37 Imaxe do bombardeo de Gernika.Lic. CC BY SA 3.0 Alemaña https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/c/ca/Bundesarchiv_Bild_183-H25224%2C_Guernica%2C_Ruinen.jpg
O modélico tratado consensuado por Trump, a paz en Gaza, segue a dar os seus froitos. Neste caso, este domingo, 153 toneladas de bombas sobre a cidade. Bombas que calculo terían que procurar ben para atopar algo para destruír, algo que aínda quedara sen reducir a escombreira. Mentres, os gazatís incumpren o acordo: non entregan os reféns ós que os mesmos israelís deron sepultura baixo a escombreira porque, din, non lles dan escavadoras para rescatalos.
Tremendos os gazatís. Así, como non lles van a quitar o 51 % do xa exiguo territorio do enclave? Por certo, desenterrarán os isrelís os reféns enterrados por eles nesa zona maioritaria de Gaza que xa ocupan? Que diferencia entre o coidado da entrega dos prisioneiros israelís, que non reféns, aos que seguro puxeron tiritas mesmo se non as necesitaban unha vez xa mortos, e o tido cos reféns, que non prixioneiros, gazatís dos que baixo os escombros non saben se son eles ou son palestinos que pretenden saír de Gaza despois de mortos!
E que me perdoen as ‘forzas de autodefensa’ de Israel, pero que pouca organización! Aínda non teñen os planos para a Riviera Gaza! Van tardar en poder desfrutar das fermosas praias arrebatadas! Podían ter esperado entón a machacar un pouco máis antes de apropiarse o territorio.
Pero, e os gazatís? Que chusma, matándose entre as milicias armadas por Israel e as milicias ‘estatais’ de Hamás! Pelexan entre eles e queren que non pelexen outros contra eles!
E logo está a xente protestando ó ancho do mundo, sen percatarse que o xudeo foi o pobo que sufriu o holocausto, e por iso sabe agora o estado israelí como facelo. Pobre Israel, como aprendeu! Tranquilos, que seguro que o fan ben, a conciencia!
Unha resposta a “153 toneladas de bombas”
que tristura e despois os políticos queren os nosos votos….