Onte fixéronme unha entrevista nunha radio de Galicia. Chamáronme pola mañá para ver se estaba disposto a entrar en directo nunha emisión ó mediodía. Aceptei, e aló foi.
A entrevista, dixéronme, ía ser sobre as Panchas. Logo, mensaxe por medio, dixeron que ó mellor ampliaban outro tema. Ó final, só foi sobre a ‘Moeda de Ribadeo’.
O caso é que a entrevista comezou despois dun diálogo entre xente da emisora, en plan informal e xocoso. Polo tono, pensei xa daquela que se equivocaran de entrevistado, pero xa estaba o directo funcionando. Logo, déronme voz.
Despois de ter xa unha serie de artigos sobre anteriores edicións das Panchas, o primeiro que fixen foi corrixir a idea de que as Panchas son unha moeda, como se pode ler no slogan que aparece na súa web, por exemplo.
Entendo que tentaron reconducir a entrevista non para dar información, senón máis ben para dar diversión, facer anuncio, facer o tema lixeiro… O caso é que como era eu o entrevistado, tiven que corrixir varias veces o que me dicían, especificando cousas como:

- Non é moeda local, é unha subvención ó consumo que pagamos todos.
- Como subvención, hai que declarala a facenda.
- Relacionado co anterior, o concello ten publicado listas semanais de persoas que usaron as Panchas, dando difusión pública a datos asociados con nomes, algo do que descoñezo a legalidade en relación á protección de datos.
- En xeral, non é doado coñecer os números que corresponden. No 2022, o concello puxo 85 000 €, dos que a cada ribadense correspondeulle pagar 3,5 € só pola difusión; así, por cada euro que chegou ós comercios, houbo que poñer 1,7 €, indo o resto a propaganda, administración, etc; ao menos o 91 % de ribadenses non mercou Panchas…
- Non se sabe o impulso real que proporciona, que entendo -repito: cousa miña- que é moi baixo, porque non hai ningún estudo ó respecto, nin comparativos con e sen Panchas, nin doutro tipo.
- É potenciado cara ó Nadal, precisamente cando o efecto sobremóntase ás vendas dunha campaña que é das máis fortes do ano
Houbo un momento no que tiven que aclarar tamén que en principio, quen gaste Panchas sae beneficiado, pois parecía que quixeran desaconsellar o mercar Panchas…
En fin, aproveito para fiar que unha edición máis, vexo unhas características semellantes ás anteriores e xa citadas noutras ocasións. Como resume, unha propaganda e un movemento que non se sabe moi ben onde vai, pero que por suposto, ten beneficiarios.
A captura da entrevista:
Unha resposta a “Sobre as Panchas. Unha entrevista”
Moi ben fallado, Antonio, parabéns. Non foi o agardado pero seguro que as ouvintes agradeceron unha información que por desinterese ou descoñecemento non se adoita a dar