VAIA CIRIO!
No medio das céntricas “Cinco Calles” compostelás (por certo, o mesmo número que as bilbaínas e unha máis que as de Ribadeo) da zona histórica, atópase a cerería do mesmo nome, inaugurada en 1940 en plena auxe do catolicismo patriótico da posguerra e a única xa da cidade, ademais dunha das poucas que se atopan aínda na Galiza.
Na praza do concello de Carballo, por exemplo, hai tamén outra ben antiga que é, ao mesmo tempo, unha chocolatería. Cando un entra nela, sente o híbrido arrecendo dos arumes embriagadores da cera e máis do cacao. Nos seus estantes, mestúranse as tabletas coas candeas, dous elementos unidos pola súa función calorífica para o corpo (por dentro e por fóra) ao se derreteren coa axuda dese lume que tamén ilumina.
Hoxe as candeas xa non alumean as vivendas, mais si que as decoran ou perfuman. O mesmo fan coas igrexas. Por iso, segundo a súa dona, seguen a ser o Nadal e a Semana Santa as épocas do ano nas que máis aumenta a súa venda. A tenda conta con fábrica propia polo que tamén traballa amiúdo para a BBC (“bodas, bautizos y comuniones”), así como para acontecementos relixiosos da Pascua ferrolá ou viveirense e mesmo para a doutros lugares de España como é o caso da vallisoletana. Asemade, a súa páxina web fixo que o seu traballo se coñecese alén da améndoa santiaguesa. Tanto é así que mesmo ten colaborado en varias series e filmes de televisión e cinema.
A propia dona é tamén a encargada de personalizar as candeas, pintándoas a man con diferentes motivos ornamentais, tanto para uso doméstico como litúrxico. Este labor era feito antano polas monxas de varios conventos, mais hai xa anos que é ela quen o realiza detrás do mostrador aos poucos e por momentos. Outro atractivo máis para franquear a súa entrada e poder ver como se fai ese delicado traballo artesanal en tempo real.
