
Parque si, (parque) temático non
O que segue esta referido a Ribadeo, no que indican os datos concretos. Mais estimo que hai abondos outros lugares que en calquera momento poden seguir camiños semellantes, no caso de que non estean xa transitando por eles. Ti que les poderás xulgar.
O principal lugar de ocio público no centro do pobo de Ribadeo é un parque, ‘o parque’, ou, se se lle pregunta á xente de máis idade, áinda ‘o campo’, o que sería o antigo campo da feira do pobo. Ese parque leva moitos anos partido en dous, despois de recoller historicamente un camiño polo medio do ‘campo’ e trazados dos anos trinta do século pasado. As dúas partes son nomeadas como ‘Parque de San Francisco’ e ‘Praza de España’. No de San Francisco, o máis próximo á igrexa, o quiosco da música e os xogos dos máis pequenos son os que dominan, limitados por dúas amplas avenidas e edificios públicos. Na outra zona, as avenidas con árbores encadran á súa beira algúns elementos singulares. Ben, é un dicir. Este verán, as avenidas protexidas polas árbores para o desfrute e paseo deixaron lugar a tenderetes varios boa parte, senón a meirande, dos días. A maior, segundo a tendencia ó medre dos últimos anos. E a última polo momento, cun ‘Mercado do camiño’ xestionado por unha empresa privada a proveito das festas e do concello, segundo os carteis. A outra zona, a de San Francisco, tivo tamén acubillado algunha montaxe. De feito, agora mesmo ue escribo, aínda mediados de agosto, e parece que ata mediados de setembro (é dicir, cousa dun mes de xeito continuado) unha parte dela pasou a estar ocupada por un inchable, primeiro, e logo, de xeito inmediato, tamén por outras atraccións. Sen descartar aínda novas incorporacións, novas ‘casetas de actividades’.
Visto o visto, a xente do pobo quédase sen parque ós poucos. Pode que, para ir adiantando, xurdira hai algún tempo a brillante idea de cortar algunhas árbores e así ir despexando o terreo. Unha idea polo momento desbotada despois das protestas e presión da xente. Para simplificar, chámalles ‘veciños’, ‘nativos’ ou ‘locais’. E unha idea que parece encamiñada a que a ‘praza’ sexa unha praza con dominio do asfalto, formigón ou semellante. A facer obras, deixar sitio chiringuitizable, desafiuzar ós maiores que por alí procuran acubillo e ós nenos que se van quedando sen espazo para compartir. E ruído: cada chiringuito ven acompañado da súa cota sonora, é cousa sabida de todos e exercida coa displicencia de quen debería ter conta da tranquilidade e en xeral do benestar dos veciños.
O parque, como símbolo particular da conversión dun pobo en parque temático en canto nos despistemos. Exemplos ó largo da xeografía abundan, dende os emblemáticos, moi citados de Venecia, Barcelona ou Santiago, a outros menos coñecidos e con outras características polo seu moito máis pequeno tamaño.