Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.298 posts
28 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Presentación de As bocas cosidas


Marilar Aleixandre, asinando libros

Onte mércores 20250813, tivo lugar a presentación de As bocas cosidas, libro de Marilar Aleixandre, na Biblioteca pública municipal Viejo Pancho de Ribadeo. Era a segunda presentación, despois da inicial poucos días antes na feira do libro de A Coruña. Deixo o vídeo e o escrito da introdución feita por min, tras unhas poucas notas sobre a conversa mantida entre Marilar como autora e Lourenzo Fernández Prieto como coñecedor do tema. Ó final, a nota de prensa e cartel anunciadores.

A asistencia encheu a biblioteca, entre 60 e 70 persoas, que escoitaron cousas como a existencia de 27 partidos con representación en xullo do 1936, que o 80% dos fusilados en Galicia fórono nos seis primeiros meses (2º semestre do 1936), do cambio da narrativa pola ditadura e a súa imposición, do envío de 1000 kg de documentos a Francia, o que evitou que caeran en mans franquistas e unha maior represión aínda, a compaxinación necesaria entre estudo e imaxinación para encher ocos e poder narrar, o cambio non só de nomes, senón tamén mesmo de apelidos dos nenos acollidos nos hospicios, da marcha das brigadas internacionais no 37, que a dereita non estaba co golpe como conxunto… o mesmo que na novela, a narrativa e os datos entremesturados de xeito necesario para chegar a nós.

Introdución á presentación:

Grazas por vir a esta actividade da AVV O Tesón. Grazas á biblioteca e a quen a mantén en funcionamento -nunca se dan grazas abondas ás bibliotecas- e grazas a Angel Alda pola idea e a xestión práctica que nos permite estar hoxe aquí.

As persoas que me acompañan non necesitan presentación, a máis de ter ambos un amplo artigo na Galipedia en caso necesario. Pero teño que xustificar a miña presenza, logo direi algunhas palabras máis, comezando por que a ambos coñézoos dende hai tempo e a ambos admíroos dun ou outro xeito.

A Marilar -non sei se alguén a chama María del Pilar- coñecina hai tempo por cousa do traballo e antes de ser famosa (polo menos, eu non era consciente de que o fose). Docente, coido que en primeiro lugar, loitadora social, é polifacética, e tamén se asomou á política mesmo cunha candidatura ó Senado. A súa obra inclúe poesía e narrativa á beira de textos académicos ou literatura da que se chama infantil, aínda que poda ter tanta ou máis profundidade e dificultade que a ‘obra para adultos’. Foi recoñecida con unha morea de premios e distincións, pero quedarei, sen contar o seu rango, só con dúas: unha, o Premio San Clemente, co que representa para unha docente o ser elixida por un xurado de estudantes de ensino medio. Foi no 2003, recibido por ‘Teoría do Caos’. A outra, o ingreso na Real Academia Galega dunha persoa nada en Madrid. Unha distinción, que tamén representa un traballo posterior ó que lle foron acumulados varios cargos na institución. Por certo, crin que lle seguira a traxectoria ata que mirei de novo a súa entrada na Galipedia e vin a cantidade de cousas que me perdera.

Lourenzo é un pouco da casa, por nacemento e sentimento. Vale dicir que a súa foto na Galipedia está feita na Casa do Mar de Ribadeo. Ou que había no Ferrol unha nutrida representación ribadense cando a súa aceptación como académico de número. Pero tamén que sendo historiador, Ribadeo é un lugar frecuentado para a difusión dos seus traballos e iluminación dos tempos escuros cos seus estudos. Tema este que o relaciona coa obra que hoxe se presenta, a máis da súa amizade con Marilar. Como último apunte, dicir que hai dez anos a Galipedia poñía que tiña máis dun cento de publicacións. Que eu saiba, non parou de traballar dende aquela.

De ambos poderíase dicir moitas cousas máis, pero ambos son moi quen de amosar aquí o por que estamos agardando polas súas verbas.

AVV O Tesón

20250805

Nota de prensa

O próximo mércores 13 de agosto de 2025, ás oito da tarde na Biblioteca Pública Municipal Viejo Pancho de Ribadeo terá lugar a presentación do libro “As bocas cosidas”, de Marilar Aleixandre.

Organizada pola AVV O Tesón, con colaboración da Casa das Letras, a Editorial Galaxia e o Concello, contará coa presenza da autora, Marilar Aleixandre, académica de número da RAG, e entre outras moitas distincións, premio nacional de narrativa 2022 e premio San Clemente 2003, e do tamén académico, a máis de paisano, Lourenzo Fernández Prieto. Introducirá o acto Antonio Gregorio. O acto corresponderá a un formato de tipo conversa.

As bocas cosidas é o último libro de Marilar Aleixandre, novelado a partir dun episodio familiar. En xaneiro de 2010, ó pai da autora pedíronlle saliva para identificar un curmán, soterrado nunha fosa común, morto en 1947, guerrilleiro comunista, e descoñecido polas xeracións máis novas da familia: sobre a guerra, as bocas estaban cosidas.

Documentación e imaxinación desvelan o que as bocas cosidas non permitían coñecer, da adolescencia pasando pola súa actuación como partisano ata os campos de concentración. Unha vida envolta nunha sociedade, nunha época, e nuns episodios que inclúen a fame e a represión. O texto dá voz aos ecos do pasado, nunha atmosfera impregnada do peso do silencio e da memoria.

Reaccións do Fediverso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *