Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.258 posts
27 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Construción efémera


Hai xa tempo abondo souben dos estudos de construción efémera, avalados daquela por un ciclo de FP (hoxe non sei se segue ou non dito ciclo). O ciclo non se refería tanto a casas como a expositores en feiras e cousas semellantes, aínda que a diversidade de aproveitamento das ensinanzas impartidas era ampla.

Lembreime do tema onte mesmo, ó pasar á beira dun prado ben coidado e valado con rede metálica. É dicir, dous ou tres metros por diante dunha construción efémera á que lle saquei unha foto. Unha casa de cartón feita para nenos, de cousa de metro e medio de alto máximo e case dous e medio de lado con esquinas a escuadra e tellado a dúas augas de altura mínima superior a un metro. Ten porta do mesmo material, ventás resultantes de facer varios furados a modo de vidros nunha estrutura de madeira, ancorado ó chan mediante un borde a modo de beirarúa pisado con pedras e madeira (esta, na porta, axudando ó cerre). Postos a completar o cadro, ten mesmo carteis para venda de artigos varios. En relación a isto último, diríase que só o primeiro dos produtos ofertados pode estar en venta efectiva e inmediata cando os pequenos se atopen por alí: pulseiras de manufactura caseira colgadas baixo o cartel anunciador da venda a 1 € a unidade. Claro que, como non me coincidiu, non podo dicir con certeza que por exemplo, as anunciadas galletas, non se vendan tamén.

Polo máis, o cartón de construción é de varias capas, co que podería aguantar un certo tempo aínda con pequenas chuvias, aínda se non se cobre cun plástico (aconsellable nun clima como o de Ribadeo). O evidente reciclado da cartonaxe está moi ben resolto, ao menos en aparencia e estética. A solidez da construción tamén parece pasar a proba se non se é moi esixente: a falta de ver o interior, no que non causaría estrañeza ver tamén algunha cadeira e mesa de cartón, diríase que o ensamblaxe da estrutura tamén ten boa pinta. Dende fóra, tamén se descoñece se a estancia ten ou non chan propio… Pode que, a pesar das suxeicións, o ancorado a terra sexa o punto máis endeble do edificio nun tempo no que estamos a lidar con ventos curiosos.

Quen o fixo diríase que é un armadanzas traballador que tenta transmitirlle inquietudes á súa prole dun xeito intelixente. Facer algo deste estilo, unha casa nunha árbore ou semellante, non son cousas que se esquezan nin que non teñan pegada na formación dos pequenos.

A estrutura é efémera, si, pero ó tempo amosa unha vitalidade contaxiosa e arrinca un sorriso, sen deixar de dar exemplo e lembrar aquilo de ‘a imaxinación ó poder!’ que en tempos da IA imos esquecendo sen asumilo, porque mesmo esquecemos de que esquecemos.

Reaccións do Fediverso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *