Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.249 posts
27 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Líderes: de dentro a fóra e camiño de volta


Dende hai algún tempo chámame a atención nos xornais o uso da palabra ‘líder’. Se imos ó dicionario, aparece que significa “Cabeza dun grupo ou persoa que o dirixe ou representa”. E de aí, poderiamos estender o seu uso ‘legal’, respaldado pola Academia, a multitude de campos, entre eles, a política. Mais, nunha democracia, o uso da verba ‘líder’ leva consigo a rebaixa, a diminución relativa dos e das encabezados / dirixidos / representados, en relación ó ou á ‘líder’, en flagrante contradición coa esencia democrática. Algo, ese significado e o que leva asociado, que pode vir por dous camiños, ‘de arriba abaixo’ ou de ‘abaixo arriba’. Explícome:

Hai xente que se autoproclama líder, conseguindo máis ou menos ó tempo unha representación de ten algo de uso da base democrática, nun sistema que se cualifica como democrático. Aí temos unha morea de casos, dende o Hitler votado en minoría nunhas primeiras eleccións que lle permitiron manobrar para arrasar non só coas eleccións vía a noite dos cristais esnaquizados, senón co seu país e co mundo enteiro. Dicía, dende el ó Trump votado maioritariamente segundo o sistema electoral norteamericano despois de alentar un ameazador asalto ó Congreso e usando o resultado para tentar pasar da parte do sistema que non lle interesa no momento. Dous, por poñer só dous exemplos ben diferentes e ó tempo ben iguais. En ambos casos, o resto da xente serían ben os seus seguidores ou ben os seus inimigos. Si, xa sei que inimigo non é o contrario de seguidor, e máis aínda, que entrambos grupos debera estar a maioría social, pero así é como os autoproclamados líderes establecen as cousas.

Por outra banda, hai xente que de xeito consciente ou inconsciente, abdica de pensar como individuo, por si mesma, de opinar e actuar en consecuencia, aceptando e acollendo como propios datos, referencias, pensamentos, opinións e actuacións doutras persoas. De xeito lóxico, no camiño de adaptación prodúcense desaxustes grandes, como acoller políticas que os prexudican, sen ter contrapartidas como, por exemplo, a de que puideran beneficiar á maioría.

Os dous ‘camiños’ mencionados están relacionados, claro, pero non deixan de ser diferentes por ser a visión como ‘líder’ ou como ‘liderado’. Considero que o segundo, o que toma a masa ‘liderada’, é aínda mái perigoso que o primeiro. Como mostra, un botón: esta semana pasada, un ‘socialista’ gañou as primarias do partido demócrata para alcalde da cidade de Nova York. Máis aló do que iso poda supoñer para o chamado establishment demócrata ou en xeral, da clase que mantén o poder nos USA, os medios están a cualificalo de iso, de ‘líder’, que tomado no sentido tradicional da política levaría a que chegara a ser un máis dentro da oligarquía que controla os EEUU. Ou sexa, a un futuro no que as súas ideas e expectativas quedarían mediatizadas de xeito automático pola súa situación de poder. E, de ser así, o que estariamos sería cambiando un autócrata -dalgún xeito, xa ‘amortizado’ polo sistema- por outro pintado doutra cor, outro nome e mesmo outras accións superficiais, pero rulando co mesmo sistema de autocracia e uso da democracia, que non de democracia ‘a secas’. Non sei se el mesmo, agora mesmo, se considera ou non ‘líder’, pero as lentes coas que se pretende que o miremos levan escrta esa verba: líder. E as verbas, logo, devan a plasmar o significado en cada cousa que se fai.

Particularmente, non quero líderes no sentido que se entende, senón persoas que traballen cóbado con cóbado co resto da sociedade. E ese significado de líder hoxe por hoxe xa é difícil que se comprenda e se aplique…

Reaccións do Fediverso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *