O AVÓ DA BIOQUÍMICA GALEGA
Xosé Carlos Rodríguez Rañón

O que hoxe é a empresa Pharmamar-Zendal (vencellada no seu momento tamén a Pescanova) naceu como Zeltia en 1939 a partir do Instituto de Investigación Miguel Servet de Vigo. Nela traballou Fernando Calvet (onde coincidiría con Alexandre Bóveda, contábel da fábrica), catalán formado nas universidades de Barcelona e Oxford e catedrático de Química da de Santiago, creando no seu seo o primeiro laboratorio desta disciplina nunha universidade galega. Por iso, foi recoñecido este 2025 como Científico Galego do Ano pola Academia Galega de Ciencias.
Ao longo da súa traxectoria investigadora, desenvolveu medicinas, vacinas, pesticidas e funxicidas, realizando excursións para traballos de campo e mesmo potenciando o deporte ao ar libre, nomeadamente o rugby, ao que se afeccionara na súa estadía británica. Reacio ao traxe e á cravata, prefería alegres prendas de rechamantes cores e, como home avanzado, loitou a prol da participación da muller na docencia universitaria.
Ideoloxicamente catalanista, participou en Galeuzca (agrupación formada por forzas políticas autónomas de Galiza, Euzkadi e Catalunya) e defendeu un estatuto de autonomía para a nación galega, o que non lle perdoaron en 1936 os sublevados golpistas. Foi depurado e expulsado da universidade, exilouse primeiro en Estocolmo e despois en Edimburgo e, ao intentar retornar á Galiza por Portugal en plena guerra civil no ano 1938, foi detido na fronteira e encarcerado na cadea de Tui.
Xa na dura económica e politicamente posguerra, en 1944 pode voltar á docencia, neste caso primeiro na universidade de Salamanca (da que o tamén depurado Unamuno fora reitor e catedrático de grego até o comezo do conflito bélico) e logo na de Barcelona, voltando así ás súas orixes, e onde se xubilaría e logo finaría en 1988.