Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )
Palabra e memoria en Viveiro
A iniciativa de educación social “Palabra e Memoria”, exposición fotográfica que recolle diferentes epitafios de cemiterios da Mariña; Inaugurada en Burela no mes de xuño de 2009, por iniciativa do cura Ramón Marful e con fotografías da fotoxornalista Pepa Losada, a mostra ampliouse con fotos de María Mon Geada e Aida López e percorreu varias localidades da Mariña antes de pasar polo Museo do Pobo Galego e polo Museo Provincial do Mar de San Cibrao.
Por iniciativa dos emigrados de Mondoñedo en Buenos Aires, en 1921 o idioma galego foi gravado en pedra para o recordo eterno ao médico e escritor Manuel Leiras Pulpeiro. O novo modelo non tivo grande eco social e tiveron que pasar varias décadas para que reaparecese en Viveiro para a lembranza doutro escritor: Noriega Varela. Precisamente no ano en que lle foi dedicada a celebración das Letras Galegas ao “poeta da Montaña”, un estudante de Maxisterio de Vilameá -na Pontenova- deu o paso a plasmar por escrito palabras galegas en recordo de súa nai. Quen en 1969 rompía o tabú era o futuro pedagogo e escritor Xosé Lastra Muruais, pai de Xiana Lastra, a voz da “Banda da Loba”.
Un decenio máis tarde, chegaría o célebre “Aquí xaz alguén que coa sua obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”, en recordo de Álvaro Cunqueiro.
INICIATIVA DE EDUCACIÓN SOCIAL
A localización e estudo destes textos comezou en cemiterios dos concellos de Burela, O Valadouro e O Vicedo, onde tamén se celebraron exposicións sobre esta mesma temática que tamén estivo presente na Casa da Administración de Sargadelos (2012) e na Escola de Arroxo (Lourenzá), en 2024. A iniciativa de educación social Palabra e Memoria, incluída dentro do Modelo Burela, promoveu un proceso de recuperación “desde cero”, ao estilo ave Fénix. Aínda que desde o final do século pasado se fixeron iniciativas de sensibilización, os resultados só comezaron a mellorar substancialmente nestes últimos dez anos (entre 2015 e 2025). A visión panorámica está agora “en aberto” nun mapa elaborado polo xornalista David Canto Veiga e divulgado en outubro de 2024 polo Consello da Cultura Galega. Desde ese momento, unha auténtica “selección galega de visualización” formada por máis dun cento de persoas percorre Galicia con libreta, bolígrafo e teléfono, realizando un auténtico "paseo investigador" polos cemiterios locais. O seu obxectivo: visualizar os epitafios, facer recollida dos máis chamativos e plasmar a información nun breve informe para poder realizar máis tarde un estudo en detalle dos materiais recollidos.
Despois da recollida de datos de case 75 000 familias, repartidas por 200 concellos, a porcentaxe de inscricións funerarias en que aparecen as palabras "muller", "home", "fillos" ou "netos" está en tendencia emerxente. O cambio débese ao relevo xeracional e á mellora na atención das empresas funerarias. Persoas alfabetizadas en galego nos primeiros anos da etapa democrática pasan agora a ocuparse do coidado do lugar en que respousan definitivamente os seus parentes (co cambio de xeración das persoas, cambia tamén a valoración e o uso do idioma) e pasan tamén a ter cargos de responsabilidade nas empresas do sector, o que facilita a superación de vellos obstáculos.
INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA
1) Primeira exposición (Burela, 2009):
2) Cartografía realizada por colaboración popular:
3) Aplicación en Ribadumia:
4) Bande, 1924: https://www.youtube.com/shorts/HpapCAyMmn8
-
Proxecto Neo - Modelo Burela
IES PERDOURO
Rúa do Instituto s/n. 27880 Burela -Lugo-
Tlf: +34 982 87 01 02 Fax: 982 870112
http://www.edu.xunta.es/centros/iesperdouro