Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Polos outros días da nai (364 nun ano normal)


Manlunghaw Sheingu Ahi, CC BY-SA 4.0 https://creativecommons.org/licenses/by-sa/4.0, mediante a Wikimedia Commons

Comezo a escribir isto no ‘día da nai’ de 2025. É dicir, segundo cavilacións propias, o ‘menos día da nai’ de todo o ano, o día no que a muller que encarna a característica de nai pasa a ser algo entre obxecto de compra por substitución de valor filial e compañeiro, e gancho publicitario.

Traduzo un relato de orixe que descoñezo e que vin citado hai pouco nun artigo de Gustavo Duch:

O profesor púxolles un exame de gramática e díxolles: «Os alumnos que vaiades rematando podedes entregar o exame e ir ao recreo». Despois de decatarse de que Lucía non se levantaba, aínda que estaba claro que xa rematara, preguntoulle por que non o entregara e saíra xogar. «Dixeches “os alumnos”», respondeu Lucía. «Claro», retrucou o profesor, «xa sabes que na categoría de alumnos inclúense tanto nenos como nenas». Na seguinte clase, despois do recreo, foi o profesor de ximnasia quen fixo unha petición: «Levantade a man se queredes estar no equipo de fútbol». E Lucía, que tiña moitas ganas de xogar, levantou a man. Pero este profesor, enfadado, dixo: «Non o deixei claro? O equipo de fútbol é só para nenos».

O anterior ven sendo un relato sobre a aprendizaxe das mulleres nun mundo no que hai unhas imposicións que temos tan interiorizadas que moitas veces non nos decatamos (sobre todo os homes) das implicacións que teñen, e que nos levan á consideración das ‘mulleres’ (condición necesaria pero non suficiente para ser nai) dun determinado xeito en relación a diversos aspectos.

Un deles enfróntanos a que aínda non sendo igualitaria, a educación ‘produce’ máis éxito coas nenas, coas mulleres. Iso, para ver logo que, a medida que a súa formación vai aumentando e lles permite acceso a nichos de emprego nos que vai pouco a pouco medrando a súa porcentaxe, a consideración deses empregos é menos valorada…

Mais non fai falta chegar ás ensinanzas do relato anterior. Así, non é algo incómodo o parármonos a pensar no día da nai como estímulo de compra? Non só económica (porque induce a mercar) senón das propias nais como mercadoría a través desa compra que ‘lles’ facemos, que empregamos para, dalgún xeito, ‘comprar a súa vontade’.

Ou aínda, entre abondas máis posibilidades, a exclusión que fai o ‘día da nai’ da consideración de calquera outro día a día de cada nai. En relación con isto, ven a conto a historia da data fixada para o día da nai en España. Polo que parece, segundo a Wikipedia, a cousa comezou a callar nos anos vinte, sendo usadas daquela distintas datas. De man do movemento falanxista e a finais da guerra civil quedou fixada no día da Inmaculada Concepción. Así, o ‘día da nai’ cristalizou na ditadura franquista nun concepto determinado de ‘nai’. Mais, aló polos anos 60, compiten dúas cadeas comerciais, Galerías Preciados e El Corte Inglés. Galerías fai propaganda en favor dun domingo de maio, que remata impoñéndose pode que pola súa separación da época do Nadal e polo tanto, máis propicio para ventas extra, e por ser maio o mes adicado a María pola Igrexa. Disociado da festa de decembro a nivel estatal, e diluído o seu significado no enteiro mes de maio, pasou a ser só festa do comercio. E ata o de agora non fixo máis que perfeccionar o consumo producido nese día.

Non sei se me quedou moi claro… A idea é que antes de ser nais, son mulleres. Despois de selo, non son mercadoría que se poida comprar. E tanto antes coma despois, persoas en pé de igualdade por moito que teñan características propias e que se queiran usar.

,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *