Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Plataforma pola defensa e protección das árbores de Ribadeo. Nota de prensa


Pé de palmeira no Parque Municipal

Plataforma pola defensa e protección das árbores de Ribadeo

Nota de prensa

Con data de 24 de Marzo, na páxina web do concello de Ribadeo pode lerse unha comunicación sobre un proxecto de reformas no parque próximo a capela de San Miguel do que reproducimos o seguinte parágrafo:

“…garantir a seguridade deste parque, eliminando todos eses setos vexetais e colocando unha varanda de madeira que garanta a seguridade…”
Calquera lector pode compartir o noso desconcerto dado que non se comprende en que poden prexudicar as sebes de ligustros á seguridade dos nenos e nenas usuarios do parque ou ás persoas maiores que pasen por alí. Os ligustros, como todo o mundo sabe, son arbustos que se poden plantar como ornamentais e que tamén fan uns peches de fincas moi densos pola sua ramaxe e son de folla perenne, ademais da beleza que aportan polo seu verdor e pola mesta floración na primavera. Sería ben que alguén mais ilustrado nos iluminase de cales son os danos que poden infrinxir á veciñanza ou se hai algunha enfermidade que poden transmitir ou calquera outra maldade que descoñezamos.
Pode que, como no caso das cortas da árbores que denunciamos recentemente, a palabra clave sexa a “eliminación”, que ten moitas connotacións negativas. Pero non imos entrar en discursos gramaticais, simplemente atopámonos cun novo proxecto de facer desaparecer elementos verdes dos espazos públicos aos que se lles denomina “setos vexetais” sen identificar. Compre suliñar, e hanos de desculpar o lector por esta clarificación innecesaria, que para nada as sebes son incompatibles cas varandas de madeira, así que deixamos o tema polo de agora na agarda de algunha clarificación. O tempo polo demais – e en que pouco- vai poñendo as cousas no seu sitio: véxase como había que quitar os arbustos da praza Pancho Maseda para deixar pasar as ambulancias e non tardou nin un mes en quedar pechado o paso por unha exposición publicitaria (sen comentarios).
E por certo falando de “eliminar perigos e garantir a seguridade”, non estaría mal que se acabasen de eliminar os eucaliptos que aínda quedan preto das casas e mesmo a carón de certas industrias de alto risco de incendio. Unha pequena volta polo rural permitiría identificar en pouco tempo estas circunstancias.
Debemos informar tamén que na última xuntanza do noso colectivo estivemos dándolle voltas os pros e contras do proxecto de trasladar o centro de saúde á saída do casco urbano, a un quilómetro do actual e nunha zona de intenso tráfico rodado e de difícil acceso especialmente para as persoas maiores. Sabemos que a carón de 700 persoas visitan acotío os servizos do centro de saúde e que a gran maioría van a pé e aproveitan para facer compras ou tomar un café e pensamos que a Xunta de Galicia e o Concello de Ribadeo cometen un erro histórico quitando o servizo actual do centro da vila e da zona comercial e levándoo a un arrabalde arredado, incómodo e perigoso, malia que teña a suposta vantaxe dun amplo aparcamento que non compensa os inconvintes amplamente coñecidos. Sabemos que o concello leva adoptado algunhas medidas e acordos na dirección devandita, pero pensamos que se a maioría da xente estivese mellor informada posiblemente non se chegaría a levar a cabo este proxecto tan negativo ademais de innecesario. En realidade todos somos coñecedores da falla de profesionais sanitarios que non se resolve cun novo edificio.
Polo tanto acordamos organizar unha marcha informativa – non unha manifestación – para achegarnos camiñando dende o centro actual ata a zona onde se proxecta o novo e ir tomando nota dos inconvintes e achádegos que nos atopamos a máis de rexistrar o tempo que botaremos, o tráfico rodado e outras incidencias que nos podamos atopar. Avisaremos con antelación para que participen as persoas que o desexen pero xa reiteramos que non se trata dunha manifestación de protesta senón de un acto cívico para recoller información e para informar a quen estea interesad@.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *