SEMANA SANTA EN RIBADEO: AS IMAXES ARTICULADAS. José Joaquín Miláns del Bosch y Jordán de Urríes
Ribadeo, no extremo nordeste de Galicia, lugar de paso do Camiño Norte a Compostela, ponte entre Galicia e Asturias, vive tradicionalmente unha sinxela pero fervorosa Semana Santa dende hai centos de anos. A presencia franciscana na vila ten deixado a súa pegada evanxelizadora nas celebracións da Pasión. Hai crónicas de 1911 que relatan numerosos actos e gran participación dos veciños onde a Igrexa Parroquial de Santa María do Campo, templo principal de Ribadeo, ten sido historicamente o centro de ditas cerimonias.
Durante o século XVIII, as procesións e actos litúrxicos en Galicia ganaron importancia como unha forma de instrución relixiosa para a poboación. As procesións inicialmente tiñan un carácter austero e estaban centradas en actos litúrxicos dentro das igrexas, con algunhas saídas ao exterior. Durante o século XIX, moitas celebracións relixiosas en Galicia experimentaron certos cambios debido aos cambios sociais e políticos, como as desamortizacións e a secularización da vida pública. Non obstante, a primeiros do século XX, a Semana Santa en Ribadeo comezou a recuperar o seu esplendor grazas ao esforzo das confrarías e a crecente participación popular. Ao longo do século XX incorporaron novas imaxes procesionais e renovaron as existentes. Estas imaxes, de gran valor artístico e simbólico, enriqueceron as procesións e trouxeron a máis persoas. Na segunda metade do século XX, a Semana Santa en Ribadeo adaptouse aos tempos modernos, mantendo as tradicións relixiosas, pero incorporando elementos culturais e turísticos. Na actualidade, a Semana Santa de Ribadeo segue sendo un evento destacado na vida relixiosa e cultural da vila. Aínda que, máis pequena en escala comparada con outras cidades españolas, logrou manter o seu carácter íntimo e xenuíno, sendo unha celebración profundamente arraigada na tradición relixiosa e cultural da comarca.
Un dos aspectos máis singulares e destacados da Semana Santa de Ribadeo son as súas imaxes articuladas, elementos únicos que enriquecen as procesións cunha dimensión teatral e profundamente emotiva. Estas imaxes teñen unha longa tradición na iconografía cristiá en Galicia, e en Ribadeo representan un patrimonio cultural e artístico de gran valor. As imaxes articuladas son esculturas relixiosas que teñen partes móbiles, como brazos, cabezas ou pernas, o que permite realizar movementos simbólicos durante os actos procesionais. Estas articulacións soen estar ocultas para preservar o aspecto naturalista das figuras, e actívanse manualmente en momentos específicos. As articulacións están feitas con eixos de madeira ou metal, coidadosamente integrados na estrutura da escultura de madeira policromada para non afectar a súa aparencia. Os mecanismos son simples pero efectivos, accionados manualmente por confrades ou persoas capacitadas para elo.
Ó Cristo do Descendemento é quizás a imaxe articulada máis emblemática de Ribadeo. Representa a Xesucristo na Cruz e é utilizado durante a cerimonia do Descendemento ou Desencravo no interior da Igrexa Parroquial, unha das máis solemnes e conmovedoras da Semana Santa ribadense. Os brazos do Cristo articúlanse para representar o seu descenso da cruz, o que engade un realismo impactante e unha gran carga emocional ao acto. Na cerimonia, o Cristo articulado é descravado simbolicamente e con grande solemnidade da Cruz polos membros das confrarías. Os brazos articulados da imaxe móvense para recrear con detalle o momento no que o corpo de Xesús é baixado da Cruz e colocado nunha urna de cristal que simboliza o Santo Sepulcro. Este paso é acompañado por oracións, música sacra e un silencio profundo entre os asistentes. Posteriormente, a imaxe é levada na procesión polas rúas de Ribadeo, seguida pola Virgen Dolorosa, o que simboliza o loito pola morte de Cristo.
Outra imaxe articulada, entre outras, é o Cristo soportando a súa Cruz sobre as súas costas, onde se recrean os momentos das tres caídas no seu camiño ao Calvario, dotando ao paso dun dinamismo único. Esta característica técnica, combinada cunha coidada policromía que resalta a humanidade de Cristo, converteu a esta obra nun emblema do fervor relixioso de Ribadeo. Tamén a Virxe María, que aparece nalgunhas escenas procesionais, ten partes móbiles, como as mans, que se levantan nun xesto de dor ou pregaria e de saúdo ó seu Fillo na procesión do Encontro, congregando a multitude de veciños nunha praza pública da vila, os que viven o momento con grande recollemento. A procesión está acompañada por bandas de música que interpretan marchas procesionais, así como por coros ou cánticos relixiosos. Esto crea unha atmosfera emotiva e profundamente espiritual. Tamén colaboran nesta e outras procesións a Banda Municipal de Ribadeo, o Coro Miserere, o Coro Parroquial, a Coral Polifónica e o grupo de tambores e gaitas.
Outro aspecto curioso é o do Anxo do Domingo de Resurrección. A Virxe María aparece, fronte á igrexa parroquial, vestida de loito, en sinal de dó pola morte do seu fillo e un anxo, vestido de branco representado por un neno ou nena, é elevado por unha corda e anuncia á Virxe María que o seu fillo resucitou. Tras recibir a noticia do anxo cos tres “aleluias”, a Virxe María é “despoxada” do seu vestido de loito, que se substitúe por vestiduras de cor branca e azul, simbolizando a ledicia e a gloria. A diferencia do ton solemne e escuro das procesións anteriores, esta celebración é luminosa e festiva, con música, flores e cánticos que expresan o xúbilo pola vitoria de Cristo sobre a morte.
Tentei describir o que máis me impresiona da sobria pero sentida Semana Santa neste lugar privilexiado do norte de España onde, a máis dos oficios relixiosos e procesións dedicadas a conmemorar a Paixón, Morte e Resurrección de Xesús de Nazaret, as imaxes articuladas son un elemento distintivo e cativador que engade dramatismo e realismo dende hai moito tempo á Semana Santa ribadense, auténtica expresión de fe conmovedora e cultura local.
AUTOR TEXTO E IMAXES: José Joaquín Miláns del Bosch y Jordán de Urríes
IMG-1: Vista parcial de Ribadeo desde a ría

IMG-2: Xesús camiño do Calvario

IMG-3: Caída de Xesús (imaxe articulada)

IMG-4: Encontro de Xesús e a súa Nai (imaxes articuladas)

IMG-5: María, a Virxe das Dores (imaxe articulada)

IMG-6: Procesión do Anxo, o domingo de Resurrección

IMG-7: Detalle do Cristo na Cruz (articulación dos ombros)

IMG-8: Outro detalle do mesmo Cristo crucificado que será desencravado

IMG-9: Xesús, María e Xoán, no monte Calvario

IMG-10: Sombras de confrades durante unha procesión
