Case todos os días detecto algún titular que me pon en alerta non pola noticia en si, senón polo significado do titular, porque resulta turbio para interpretar ou directamente sen sentido. Todos, os periodistas incluídos, cometemos erros. Erros que resultan más difíciles de comprender cando se supón que hai unha revisión editorial por medio, un equipo que vai filtrando a información. E erros que ás veces sobresaen e provocan un sorriso ou carraxe, dependendo das circunstancias e tras desbordar calquera posible desculpa. Soe pasar cos erros matemáticos. As matemáticas non soen aparecer de xeito directo nos titulares, pero si veces abondo de xeito indirecto. Por exemplo, o caso que provoca estas liñas, collido dunha chamada ‘newsletter’ (por que non ‘boletín de novas’?) recibida esta mesma mañá. Referido ó sarampelo, afirma ‘Casi todas las comunidades autónomas sobrepasan el 95 % de vacunados que exige Sanidad. Solo nueve no alcanzan ese porcentaje.‘ Cando se comeza a ler o que vai entre aspas, o primeiro que ven á cabeza é que das 17 comunidades autónomas haberá unha ou dúas, como moitísimo tres sempre que haxa algunha de pouca poboación, que non chega a ese 95 % de vacinacións ‘esixidas’. Pero non, resulta que son nove as que non o acadan, é dicir, a maioría non o acadan. De aí ó que afirma a primeira parte vai algo así como o que separa o negro carbón do amarelo brilante. Iso, dentro do terreo das matemáticas, deixando a unha beira que unha esixencia non se cumpra, que daría para outro tipo de análise.
Visto o visto, non é raro que nos deixe indiferente que haxa algunha persoa con propiedades superiores ós 100 000 000 000 € cando hai moitas outras que non chegamos nin de lonxe ó 1 000 000 €, ou que pareza claro abondo que o 99 % da xente quedamos supeditados en boa parte da nosa vida ás decisións do 1 % restante. Si, iso tamén son matemáticas como 2 + 2 = 4, aínda que pareza astronomía polo lonxe que nos cadra.