Perder o 99 % do que posees
Ou moito me equivoco ou ti, que esteas a ler, se perdes o 99 % do que posees, converteríaste nun pobre. O que se chamaba ‘un pobre de solemnidade’. Iso pasa porque ti non es multimultimillonario.
Unha nota aclaratoria no medio deste escrito: cando se fala de multimillonarios, soe pensarse boa parte das veces, mesmo sen aclaralo, que eses ‘moitos millóns’ son de dólares. Pero ó cambio actual, pouco máis dá considerar euros que dólares, e por iso non ven a conto especificar máis. No sucesivo, toma as cifras como dólares ou euros, como prefiras, dá o mesmo.
Volvendo ó tema, se ti estiveras entre as dez persoas máis ricas do mundo e perderas o 99 % do que tes, aínda seguirías a ser milmillonario. Máis aínda, se ti foras un dos algo menos de tres milleiros de milmillonarios que no mundo hai, e perderas ese 99 %, aínda seguirías tendo abondo ben máis patrimonio que todo o que eu levo percibido como soldo (agora, pensión) na miña vida. Bota contas no teu caso particular: alguén que, tendo mil millóns perdera o 99 % do que ten quedaría aínda con 10 millóns.
De aquí en diante, podería tomar varios camiños. Por exemplo, seguir as investigacións que apuntan a que a abondo máis da metade dos multimillonarios actuais parten de herdanzas ou algún tipo de corrupción e/ou conexión co poder político. Si, non só en España. Pero vou continuar por outra beira que me vai permitir rematar dun xeito breve, a partir dunha nova de hoxe hai un par de semanas nun xornal español, a conta do incendio de Los Ángeles. Resulta que unha boa parte dos servizos de extinción de incendios nos EUA son privados. Iso traduciuse en que xente con moitos cartos contratou grupos de bombeiros para salvarse eles e só eles. Nun contexto no que quen máis ten máis contamina e inflúe no cambio climático. E no que mantemento dos equipos públicos de extinción levan anos vendo como se contraen os fondos dos que dispoñen en medio dunha baixada de impostos que na práctica afecta a quen menos ten só para que teña que detraer máis cartos para coidados médicos ou educación. Por certo, que o do incendio é só unha das facetas que expón que non só é que sexan máis ricos, senón que por selo, teñen menos posibilidades de perder a súa riqueza.
Coido que do anterior chégase rápido á importancia da comunidade e de coidar o común. Mesmo para os ricos e aínda que poidan ter esvaecidas as nocións de ‘común’ e ‘comunidade’
E sempre nos quedarán cousas como a amizade, que os cartos non poden comprar (os amigos non se poseen). Aínda que vista a corte coa que se arrodeou Trump na súa investidura, comprar non se poderá, pero axudar a que se estableza a amizade, ao menos unha interesada, parece indubidable…
2 respostas a “Perder o 99 % do que posees”
Se votamos unha ollada arriba de todo, na lista dos mais ricos do mundo, podemos observar que os descomunais patrimonios ( en gran parte en forma de accións, non físicos ) teñen que ver máis coa innovación e o investimento tecnolóxico, mais que coa corrupción ou condutas delictivas. Hoxe, quizás como nunca na historia, ese tipo de multimillonarios teñen certa lexitimidade ( que non é pouco ), pois non se fai un rico, nin duque, por matar holandeses en Flandes. Algo moito mais vello, que xa sucedía nos tempos de Calígula e seguro antes diso, é o de acusar ós ricos de traición ou conductas delictivas para poder expropialos. Se o ministerio de innovación e ciencia, guillotinara ó Sr. Ortega e en vez de 4.000 M € pasara a120.000 M € como resultado, en poucos anos consultaría toda a humanidade o EspaGoogle, fabricaríamos o GaliTesla, o HispaSoft, etc. Ou quizás voltariamos a levar mascarillas obrigatorias ata no monte por 10 € unidad, o director de investimento tería paredado na súa casa millóns de euros, e o ministerio decorado cos cadros de Kooning. Quen o sabe, non está tan clara a cuestión como parece.
Non o digo eu. Dío quen ten estudado o tema. É algo estatístico. E mesmo para ter un garaxe abondo grande como para montar unha empresa nunha cidade do oesta dos EUA fai falta ter cartos. Dito o anterior, por suposto sempre pode haber excepcións aínda que a base de acumulación do capital, segundo as teorías económicas, sexa a explotación (de persoas e recursos). Por certo, Hispasoft é unha tenda de informática que tamén atende a distancia. Galitesla, ou EspaGoogle, polo contrario, non teño constancia da súa existencia