Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Música! Un Chío por novembro


    Xa saíu do prelo o Chío de novembro. Algo que podes ver dende a súa web, https://www.chío.com/, ou directamente descargando o número 34 de Chío. Ó teu gusto!

    E, como de costume, deixo en baixo a miña colaboración a este número en dous formatos:

    O texto, e as fotos:

Lugar,
tempo, sentimento: música. A música en Ribadeo é algo máis ca un
chío

Dicir música en Ribadeo representa algo máis ca o sinxelo
significado da verba nun dicionario. Nel, ó fin, é unha palabra
entre outras moitas, coma outra calquera. E é que neste lugar
norleste do noroeste (que é único, pero non o único no que pasa) ó
significado xenérico engádeselle un sentir de tradición sonora que
non ten sido estático ó longo do tempo, senón con historia,
dinámico e, por comparación coa verba anterior, en ocasións tamén
podemos engadir, extático.

Moitos lugares de Ribadeo evocan música. Sexa a imaxe do templete da
música, no lugar central do Parque de San Francisco, da ilusionante
de inicio pero decaída despois Praza da Música, do Auditorio Hernán
Naval (sexa por dentro ou por fóra), ou un entorno interior con
motivo de dar acubillo a un cartel dunha actuación, ou lembranzas
diversas en moitos formatos diferentes… Música.

Así, tamén, a máis dos rexistros sonoros dixitais das múltiples
actuacións de todo tipo que hoxe se poden atopar, a aparición de
libros sobre a música e músicos en Ribadeo, de non ter vivida a
experiencia aquí pode dar algunha orientación e ten marcados varios
fitos nos últimos decenios. Eiquí varios exemplos:

– “Libro do 5º aniversario” da presentación da Banda de Música
Municipal de Ribadeo, de mans da Asociación Amadores da Música
(1996). Representa un repaso a moitas voces á renovación do
escenario musical ribadense baixo a batuta de Hernán Naval perto xa
a rematar o século XX, ó tempo que unha tentativa de aproximación
ó significado desa renovación e unha manifestación do impulso
popular da/na música no/do pobo.

– “Vou canso de todo menos da música”, unha curta, coidada e
merecida homenaxe coral a Hernán Naval, que dirixiu esa renovación,
un decenio despois do seu pasamento, manifestando querencia e ledicia
musical.

– Os libros de Carlos Álvarez Lebredo -maiormente en torno á figura
do seu pai, Carlos Álvarez Fernandez Cid-, quen aportando multitude
de datos tenta dar unha imaxe do desenvolvemento musical ribadense ó
seu arredor en boa parte do século XX, pero non só.

Doutro xeito, “A banda de música como realidade pluridimensional”,
de Antonio Díaz Amor, “Pola Modernización”, de Hernán Naval,
ou “Os músicos das bandas”, asinado por min, son algúns dos
traballos presentados -unha reflexión, unha visión de futuro e un
pequeno estudo- ó Congreso de Bandas de Música Populares de Galiza,
celebrado en Ribadeo en novembro do 1994. Unha actividade que marcou
un fito cara a comprensión da concepción dese tipo de agrupacións
na nosa terra. E foi en Ribadeo, unha vila que serviu de aglutinante
do movemento de bandas de música en Galicia naquel momento. As actas
foron editadas algúns meses despois; mágoa que entre as
bibliotecas, só estean dispoñibles un par de exemplares na
biblioteca de Ribadeo, o que limita a súa influencia futura.

De calquera xeito, eses libros, de carácter ben diverso e estendidos
na súa aparición no tempo, deixan notar eivas porque un libro non
pode chegar a todo lugar, está limitado, e máis se tentamos chegar
tanto ó son como á sensación que a música produce nun pobo. Ó
fin, poden considerarse unha imaxe dunha historia Sonora, un cadro,
sempre imperfecto, que tenta aproximar esa historia.

Volvendo ó comezo, a cultura musical en Ribadeo, nas súas xentes,
adquiriuse ó longo do século XX por transpiración máis que por
estudos regulados, a través de actos culturais, funcións musicais,
representacións nas que interviña a música… Ben a través da
contemplación como espectadores como moitas veces integrándose nun
grupo como a citada banda ou unha das súas versións/etapas
anteriores, ou na coral polifónica ribadense en calquera momento da
súa xa longa traxectoria baixo a batuta do seu fundador Carlos
Álvarez ou a súa sucesora Mª Carmen Rodríguez Cancelo. Ou coa
integración en calquera outra formación da miríada doutras
agrupacións con menor participación e/ou duración máis curta,
pero moita máis diversidade, das “Meniñas da saudade” a grupos
de Jazz, da música pop ás xuntanzas para animación das noites de
verán coa rondalla, esta última, entre os grupos animados por outra
das persoas con nome propio na música ribadense das últimas
décadas, Víctor Manuel Sanjurjo Láncara, Choupín.

 

Estamos xa no século XXI. Amadores da música foi pioneira na
organización dos campamentos musicais de verán para xente nova e
seguen aparecendo formacións musicais.

Mesmo lugar, novos tempos… Seguimos.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *