Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Unha viaxe por Ribadeo


    Onte foi a inauguración da nova exposición de pirogravados de Antonio Martínez (‘Pimpelo’), neste caso, adicada a vistas diversas de Ribadeo. 46 pirogravados expostos na Vella Oficina de Turismo, realizados con medidas de encadre normalizadas dunhas vistas que nos son comúns.

    En xeral, non teñen cor, pero hai algún que si. Preguntado ó respecto, o autor indicou que consideraba que algún necesitaba a cor, por ser visto con normalidade así; e doutro xeito, perdían vitalidade en relación ó real. Para entendérmonos, están nesa situación o pirogravado dos Cocos ou o da figura do Marqués de Sargadelos.

    Outra figura a cor é a do escudo de Ribadeo. Cunha característica: feita antes da aprobación do novo escudo, cunha estrela que terá oito puntas (outro día podemos falar diso, da estrela e das puntas), a reprodución pirogravada está feita coa tradicional ata o de agora estrela de cinco puntas, como aparece en baixo na imaxe correspondente.

    Os gravados foron realizados entre o pasado ano e o presente, e cada un supuxo non menos de vinte horas de execución, de duración abondo variable segundo diversos factores.

    A inauguración congregou numeroso público, parte do cual aparecemos agrupados en torno ó autor na foto tomada por Marta Saiz. Nas fotos aparece tamén a ferramenta principal usada no traballo.

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *