Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Moito lle queda por aprender á intelixencia artificial


Moito lle queda por aprender á intelixencia artificial

    Por sorte para nós!

    A chamada intelixencia artificial, IA (ou AI en inglés, pero non hai problema, ‘ela’ tamén pode expresarse e entender en galego) é o efecto que nos produce un conxunto de programas informáticos que manexan algoritmos avanzados e grandes bases de datos. Efecto que nós asemellamos á intelixencia. Ía dicir ‘á nosa intelixencia’, pero é moito dicir, por varias razóns nas que non entrarei.

    O caso é que a IA, como ferramenta aproveitada por humanos, pode usarse para desenvolver medicamentos ou apuntar e disparar un arma de xeito automático, pasando por apropiarse de máis datos nosos e usalos de xeito mellor ó servizo de grandes empresas ou gobernos, entre moitas outras posibilidades. O difícil, polo momento, é que nos poidamos aproveitar nós sen que ‘de paso’ haxa quen se aproveite diso mesmo para aproveitarse de nós. Por iso mesmo escoitamos falar dos perigos da IA. Por iso mesmo ten tanto interese para as multinacionais. Algo relacionado co por que non se escoita falar da IA libre, aínda que a comunidade libre non está á marxe do desenvolvemento da ferramenta

    As máquinas poden ser moito máis rápidas e ter menos erros ca nós facendo certas cousas que nós facemos a través do noso cerebro, ó igual que xa hai tempo que sabemos que poden desenvolver unha forza, unha potencia ou unha velocidade maior cas nosas. Por exemplo, a AI é capaz de verter sobre as redes sociais mentiras con aparencia de verdades, adaptadas a cada un de nós (a cada quen nas súas redes), de xeito continuo, ó ritmo que lle marque quen a manexe. Moito máis efectivo que unha soa persoa tecleando, moito máis. E, repito, e iso que aínda teñen moito que aprender, moitos datos por recoller e moito que mellorar ós programas. Se xa compoñen pinturas ou fotos que ganan premios en concursos por riba doutras obtidas por humanos, e que son indistinguibles por nós da realizadas polas persoas, imaxinemos o que pode pasar cando melloren algo máis as súas aptitudes. E algo máis. E máis…

    Ate o momento, seguimos a pensar que a característica máis xenuína da nosa raza, da humanidade, é a intelixencia. Algo que nos permite relacionarnos e empatizar con xente, ou pensar en abstracto, desenvolver a ciencia e a tecnoloxía, as artes ou captar a beleza dun xeito que cremos que os animais non poden acadar. E agora, algúns de nós están a desenvolver esa ‘intelixencia’, que poderá ser aplicada ás máquinas que xa son máis fortes ou veloces ca nós. Hai quen ve o problema de que as máquinas podan chegar a independizarse de nós e someternos. En realidade, non fai falta que chegue ese momento: quen sexa o amo da IA xa nos poderá enganar, dirixir, someter, dun xeito que aínda a pesar do estado actual das técnicas de engano, dirección da mente ou dependencia mental, non estamos afeitos a sufrir. Dun xeito que, se mesmo agora moitas veces non somos conscientes, será moito máis difícil de detectar por nós.

    Mentres, o que nos queda é aprender a usala tentando que nos use a nós o menos posible.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *