Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Sen espazos comúns non hai comunidade


Sen espazos comúns non hai comunidade

    Sen espazos comúns non hai comunidade, sen comunidade non hai sociedade, e sen sociedade non hai persoas.

    Comezando polo final, as persoas constituímos a sociedade, pero é precisamente o estar inmersos na sociedade, esa constitución social, a que nos fai persoas. Os raros casos como os de nenos criados por lobos ou por outros animais amosan que tiveron que recibir coidados sociais antes de poder dicir deles que eran ‘persoas’. E os sentimentos que definen as persoas están relacionados coa sociedade na que teñen acubillo. É unha cuestión de aprendizaxe social que non só leva a diferentes vivencias senón tamén a diferentes formas de vivilas.

    Mais a sociedade está baseada nunha comunidade, ‘condición do que é común, do que se dá en común‘, di o dicionario. Se non temos nada en común, pode ser formalmente unha sociedade, pero é como se estiveramos vivindo en Marte en troques de na Terra. Algo que se visualiza cando aparecen novas como que algún empresario está a darlle voltas a facer posible que multimillonarios podan, efectivamente, facerse ilusións de ir vivir a Marte. En realidade pódese dicir que é como se xa o estiveran a facer, de separados das vivencias do día a día das ‘persoas de a pé’ que poden sentirse ou que podemos imaxinalos. Por outra banda, o esnaquizamento da comunidade -consciente ou non- dá lugar mesmo a considerar ó outro como non persoa, fóra da sociedade ou sen dereitos, como parece estar ocorrendo agora mesmo en Gaza, despois de ter ocorrido en Auschwitz ou no Campo de concentración de Arnao.

    O caso é que a comunidade, base da sociedade e do desenvolvemento das persoas, hai que coidala para que poda vivir e ser aproveitada. Entre outras cousas, necesita espazo. Espazo físico, territorio para poder asentarse, estar, e tamén espazo no inmaterial, onde poder intercambiar ideas sen interferencias que as desvirtúen ou fagan imposible a comunicación. E así, chegamos a cousas que son evidentes, aínda que presentadas a bote pronto ou fóra de contexto podan non semellar tan evidentes. Exemplos son a ocupación de espazo público, desaloxando as súas posibilidades de mantemento de comunidade, para facer del almacén -recorte de rúas, onde os nenos xa non poden xogar, para facer aparcamento- ou negocio -deixar a rúa reducida a inatendido corredor entre terrazas-. No caso do abstracto inmaterial, a colonización da rede internet por anuncios e peaxes de paso expulsan da comunicación o que non estea ‘patrocinado’, tendo ademais que enfrontarse a trabas legais por protección administrativa en caso de tratar temas relacionados coa xestión do poder -aí está a lei mordaza, que non se dá derogado polas ‘esquerdas’ despois de ser proposta polas ‘dereitas’- e a desprotección ante ataques de terceiros con insultos ou ameazas, algo do que temos experiencia que se está a producir ata no que se chama ‘altos niveis’, por superar que o estea a sufrir un mesmo.

    Se queremos seguir a chamar ás persoas así, ‘persoa’, co mesmo significado, teremos que coidar eses espazos comúns, mantelos de todos sen discriminación -sexa por peto, raza, sexo ou outras ocorrencias-, darlles vida, usalos e aproveitalos como abono do xerme do que temos en común, que como persoas é practicamente todo.

Unha curiosidade: comparativa de beneficios para un negocio polo uso do espazo público fronte a el para diferentes cousas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *