Do pasado ao presente e ante o futuro
IV entrega
En xullo de 1961 unha galerna asolou a costeira do bonito no Cantábrico. Máis de oitenta mortos. Aqueles barcos de madeira mercados con motivo do plan de renovación que gozaban os arrantzais vascos que servían aos nosos patróns e mariñeiros da Galicia Cantábrica. Eran vellos pero capaces de emprender as costeiras do bonito e do bocarte, ata que o Goberno de España promulgou unha disposición que en decembro do mesmo ano foi impulso para renovar a flota.
Tales medidas tiveron tres derivadas: Traballo intenso e extenso para as carpinterías de ribeira, verdadeiros asteleiros artesáns; inversións de cartos para aumentar a flota pesqueira de altura; maior número de vocacións mariñas pois o reparto ao final das costeiras daba bos dividendos á mariñeiría, cuestión que se notaba tanto nos consumos dos establecementos industriais como na calidade das novas ou reformadas vivendas para a habitabilidade das parroquias. Por unha vez, a traxedia que se cobraba a mar tivo a virtude de mellorar as condicións de vida na costa da antiga provincia de Mondoñedo. Pero estamos en pleno século XXI e as noticias non son da pesca, prodúceas o complexo que fabrica aluminio entre os territorios de Cervo e Xove.
Medrar xunto a unha fábrica incrementa as posibilidades de padecer cancro de pulmón nun 50%, mentres que as opcións se duplican no caso das células pequenas dese órgano. Así o atestiguou o estudo Capua, o de maior tamaño realizado sobre este tema en España. O índice de mortes por tumor de pulmón é moi elevado en áreas industriais. A probabilidade de desenvolver esta enfermidade aumenta nun 50%, segundo un estudo que analiza a máis de 1700 pacientes
“Es como el peaje que pagan para vivir”, reflexiona o portavoz da Coordinadora Ecoloxista de Asturias sobre o alto prezo de convivir con industrias contaminantes. O silencio dos traballadores e veciños ten un beneficio: manter as industrias. Así o entiende tamén o doutor Laureano López. “Hay miedo a dar argumentos para la deslocalización. Es un juego difícil encontrar el equilibrio entre invertir en procesos menos contaminantes y mantener esas industrias”, expón Ovidio Zapico, diputado de Izquierda Unida no Parlamento asturiano. A ameaza de ver marchar as industrias segue presente.
A multinacional americana Alcoa, con seis centros de produción repartidos polo estado, puxo en venta as plantas de Galicia e Asturias que dan traballo a 2200 persoas.
Pasou máis desapercibida que a reactivación de Aluminio pero a renovación de tuberías de impulsión dos lodos vermellos e evacuación de efluentes da balsa de Alúmina avanzou. Dende o Alto de Lago en Xove apreciábanse tamén os sondeos para comprobar o estado dos diques do enorme depósito, que conta na base cunha zanxa de drenaxe para a decantación de augas. Alcoa solicitou subir outra cota máis na balsa e está pendente do visto bo de Sanidade da Xunta no que é un dos maiores encoros de residuos tóxicos industriais de España e ao que lle queren dar continuidade.
Á balsa de 87 hectáreas de lodos rojos en Morás aínda lle quedan anos de acoller residuos tóxicos. O seu dique de contención sobrepasou os 80 metros de altura e o quilómetro de lonxitude na coroación. Até alí chegan camións articulados cos sobrantes de lodos da refinación da bauxita. Superado o volume de 42 hectómetros cúbicos para o que foi proxectado, o anunciado recrecido permitiría prolongar a actividade de Alúmina durante esta década. A un ritmo máximo de produción podería acumular máis lodos durante tres anos pero, a dirección de Alcoa quere elevar o dique 4 metros ata a cota 104 e despois ata os 110 metros, dándolle capacidade ata 2035. A propia toxicidade das substancias e metais pesados que contén levan consigo riscos para a saúde -o lodo vermello é potencialmente carcinóxeno, con código de perigrosidade H350 pois nel poden atoparse óxidos de níquel (NiO) e de cromo (Cr2O3)-, e pode contaminar os chans, aire e augas.
Ademais de óxidos de ferro, aluminio e titanio, no lodo vermello queda silicio, calcio, fósforo, vanadio, manganeso, magnesio, estroncio, zinc, circonio, galio ou cromo e, sobre todo, moito sodio. Todo un concentrado alcalino e salgado cunha responsabilidade que haberá que atender e vixiar por moitos anos neste depósito se se quere evitar as escorrentías e contaminación subterránea. Como na mestura hai moitos restos de sosa cáustica (hidróxido de sodio), non toda ela se recupera no proceso de refino. Se o lodo se volve pó, pode ser irritante e en todo caso é corrosivo e produce queimaduras ó contacto. Trátase dun problema ambiental e social que necesitará resposta máis alá da inestabilidade industrial na produción actual do aluminio.
A dirección de Alcoa insiste en non financiar máis as pérdidas do seu negocio en España, ó que puxo tope nos case 200 millóns de dólares que quedan en caixa, segundo manifestou o CEO do grupo, Bill Oplinguer no marco da conferencia Global Metals, Mining Critical Minerals, mentres continúa o proceso de rearranque das cubas paradas durante os dous anos na planta de Aluminio de San Cibrao (Cervo).
Oplinguer asegurou que as conversacións sobre o futuro do complexo mariñan continúan con todas as partes implicadas, sindicatos e gobernos das administracións centrais e autonómicas.
O directivo advirte que deixou claro que “Alcoa non invertirá máis efectivo nesa factoría” e que explicará a todas as partes da situación da fábrica.
O comité de empresa de San Cibrao informou de que a Secretaría de Estado de Industria convocou ó fin a xuntanza de seguimento do acordo de viabilidade do complexo industrial para o próximo 4 de abril. Esa reunión, que se celebrará na sede do Ministerio de Industria en Madrid, será a número 17 desde que traballadores e multinacional asinaron o acordo para proceder á hibernación da fábrica de aluminio primario.
Finalmente, esa nova reunión de seguimento do acordo producirase despois da data fixada para o rearranque das 32 primeiras cubas da fábrica de aluminio primario –das 512 que hai na planta–, prevista para o día 1 de abril. A fábrica, de feito, volveu a producir aluminio a mediados de febreiro, despois de dous anos parada.
Alcoa informa de que “compartirá máis detalles sobre eses aspectos na próxima comisión de seguimento do acordo de viabilidade o 4 de abril, e está en contacto co Goberno de España sobre o apoio que pode ofrecer en todo o anterior.
1980. Asemblea de veciños na Escola de San Cibrao. Asisto por chamada do meu pai, médico xubilado ao que consultaron un brote de Gastro Enteritis. O Dr. Mosquera sinaloulles que debía tomar mostras da auga nas praias por se había contaminación orgánica. E así foi.
Cando Alúmina construíu o encoro fixo necesario un novo abastecemento de augas para San Cibrao; así que se consideraron dúas posibilidades: recoller a auga directamente do río ou ben do encoro. escolleurse o segundo sen ter en conta que soen quedar no fondo dun encoro restos de vexetación que entran en putrefacción. Ademais fixo unha desviación da rede de distribución cara á urbanización creada pola fábrica en Riocobo. Pero tamén era necesario que as augas residuais do poboamento non vertesen directamente nas augas mariñas próximas ás praias creando así unha contaminación orgánica causante dos brotes antes citados.
Até 1990 non se toma en consideración a necesidade de ampliar e dotar ao porto-peirao de San Cibrao, evitando que a flota pesquera teña que atracar para vender e abastecerse no porto de Burela. Dase o paradoxo de como aumentou o tráfico no porto da industria alumineira e diminuíu ata o esgotamento o do porto pesqueiro de San Cibrao.
O medre da poboación de San Cibrao prodúcese cara ó poboamento de A Veiga, esquecendo a construción de vivendas unifamiliares que nalgún momento estivo proxectado para os terreos entre O Mingarolo e Lieiro. San Cibrao deixaba de ser localidade mariñeira e pasaba a enclave industrial con vertidos a terra, mar e aire desde unha chimenea.