A preocupación das empresas enerxéticas
Falar de xeito xeral sobre un tema leva consigo que se podan escapar particularidades, ó tempo que permite trazar as liñas máis claras fóra desas excepcións. Coido que hai que ter iso en conta ó facer unha análise, por lixeira que sexa, dunha cita que atopei hai pouco nun xornal de difusión en Galicia. Traducida do castelán, sería: “O autoconsumo e as medidas de eficiencia enerxética están baixando a demanda e isto comeza a preocupar ás empresas enerxéticas‘
Cabe lembrar que as empresas enerxéticas (polo menos, as grandes) levan tempo sendo subvencionadas e protexidas institucionalmente de diversos xeitos; en teoría, en base ó seu lugar estratéxico na produción e consumo de calquera tipo de ben. Cabe lembrar que ditas empresas son das máis beneficiadas por apaños regulamentarios como a definición tarifaria. E cabe lembrar tamén que están afeitas a cooptar políticos nos movementos de ‘portas xiratorias’ de todas as cores, formando ó tempo tanto un importante grupo de presión tanto a nivel europeo como, sobre todo, estatal, como un bosque de tarifas, redes empresariais e contactos con bufetes de avogados que fan que o cumprimento das súas obrigas coa xente e a súa relación co fisco sexa ‘fluída’.
Quen non tivo enfrontamento algún cunha empresa enerxética? A dependencia de abastecemento, xunto coa desproporción de potencia económica e recursos en xeral deriva nunha relación que se pretende de submisión do consumidor fronte á empresa distribuidora e en conxunto, ó conglomerado empresarial que controla a enerxía dende a súa produción ata o interior mesmo das nosas casas. Sen contar coa cantidade de xente que observou irregularidades nas facturas e nin reclamou ou non foi máis aló dos primeiros pasos (onde che din como resposta ‘si, é así, temos razón’, sen nin considerar os feitos), algúns fixemos a reclamación, despois de varias idas e vidas, déronnos a razón, máis adiante dun ou outro xeito restituíron os cartos en parte… Pero non me decato de coñecer ninguén a quen lle restituíran todos os cartos (incluídos custes que ‘eles’ cargan por operacións das que non tes culpa), nin demoras, nin moito menos, restitución por prexuízos…
E agora, despois de instigar ó goberno a, na práctica, ter licenza para apropiarse dos excedentes de autoprodución dos particulares se queren ter conexión ó sistema eléctrico, de crear complexas redes para ter impunidade na nova instalación de artefactos de produción a partir de fontes renovables, despois de estimular a demanda en contra das peticións da terra que non quere ser espoliada nin contaminada, despois de ganancias que cada ano marcan un novo máximo, comezan a preocuparse porque está baixando a demanda. Máis aínda cando en pleno aumento do parque de vehículos eléctricos, ou dos aparellos de aire acondicionado, ou do tamaño dos televisores, non parece que, se a baixada é real, non sexa máis que conxuntural ou localizada.
Agora, é hora de lembrar o que puxen ó comezo. Pregunto: excepcións? E tamén: quizáis se poidera amañar con empresas comunitarias ou públicas? Ou, volvendo á cita que fixen, é tan malo que se consuma menos?