Hai quen di que en Ribado non se organizan cousas, non hai actividade. Quen siga o blog verá que esa opinión é difícil de manter. E iso que nas entradas só aparecen unha mínima parte das que hai, aquelas das que me chega información e por algunha razón acudo ou me interesan aínda que non poda ir, e publico algo sobre elas. De calquera xeito, tamén nos arredores se organizan cousas que poden interesar. Deixo aquí dúas para mañá, organizadas en concellos veciños.
A primeira actividade, na Veiga, ás 7 da tarde, un encontro sobre o decrecemento do que me pasan o seguinte:
“(…) O vindeiro venres día 12 celebramos o día polo Decrecemento. Unha festa
na que compatiremos ideas, experiencias (e medos, por que non?), en
xuntanzas simultáneas por toda esta biorrexión do Noroeste peninsular
(ver cartaz)
Decidimos descentralizar a convocatoria para reducir viaxes e empregar a
data en proveito do proceso necesario de construción de comunidades
locais resilientes, achegarnos a máis persoas e difundir máis
eficazmente o Congreso Internacional que terá lugar en Pontevedra este
verán.
Trátase dunha convocatoria aberta a todas as persoas que sentimos que o
Sistema non camiña cara a mellor, que se vén unha transformación
inevitable que convén planificar, e que suspeitamos que eses enormes
titanics que son as administracións non van ser quen de modificar a
tempo a súa deriva cara o iceberg, polo que cómpre e urxe ir
reconstruíndo as comunidades locais.
A xuntanza da Mariña – Occidente Astur será na Veiga, no Local de
Asociacións, a partir das 19h. Ás 20:30 faremos unha conexión con todas
as outras xuntanzas para compartir as conclusións e a enerxía.”
A segunda actividade cadra da outra beira de Ribadeo. Será en Benquerencia, Barreiros, ás 19 horas, sobre un tema que non é a primeira vez que sae no blog: a presentación do libro de Manuel Rivero sobre Aurora Sampedro.