24 de decembro Noiteboa… e paz no mundo para a xente de boa vontade. Non para todos. Do Sudán a Iemen, pasando por Palestina ou Ucraína, xente que vive a guerra nos lembra tamén outra xente moito máis preto de nós que tamén sofre por causas diversas. Non se trata de parecer un crego nun sermón, senón de observar e vivir na realidade. E poñer o ombreiro para mellorala.
Un domingo máis, a plataforma de Ribadeo pola paz agruparase diante do concello ás 12:30 para poñer un gran de area para construír a paz.
E non, non serán os únicos ó longo e largo do mundo. Aí está Amar Bharati co seu, para nós, desconcertante xesto: leva 50 anos co brazo dereito levantado pedindo a paz, como pode consultarse na Galipedia. Un acto raro. Para nós posiblemente sen sentido, pero non para el e os seus seguidores.