Vista da Cheminea da central térmica de As Pontes. Foto de Banjo, no Dominio Público, liberada en https://commons.wikimedia.org |
Pasando de todo?
Vexo hoxe nun xornal a nova: a autovía Vilalba-Ferrol leva consigo un lastre de un millón de euros anuais para depuración de augas na procura de evitar que a auga do Eume (onde desauga) sexa demasiado ácida, despois de ser construída cunha avaliación ambiental que non consideraba a acidificación do chan na que foi zona da mina de As Pontes.
Non será porque non se coñecera o tema antes da construción da vía: adiantándose ó peche total da mina e enchido da lagoa, xa había visitas didácticas organizadas a unha zona onde se fixera unha recuperación localizada, para o seu estudo. Algo que xa consideraba a acidificación como principal problema. Asistín no seu momento a unha desas visitas, dentro dun cursiño dado nas instalacións da central e no que nos ensinaron dende a zona xa comentada a unha torre de condensación, pasando pola zona de turbinas ou o pequeno parque en plan xardín zoolóxico á beira das instalacións. Había que vender a recuperación da maior mina de Galicia na súa reconversión no maior lago galego.
Unha historia típica na que primeiro se esquilma dicindo que é para ben de todos mentres se retiran as ganancias importantes fóra e se esixen subvencións e avantaxes diversas. Logo véndese a marcha forzosa ou a fuxida interesada anunciando compensacións adecuadas e aclarando que o medio resultante será como unha devolución ó estado natural de algo que en realidade non ten volta a ese estado pasado, ao menos en moito tempo. E logo todos sufrimos as consecuencias desas malas praxes, aínda que máis e en particular a xente do entorno con máis relación co esquilme. Xente que xa foi convencida antes de que os que se opoñían á explotación ”tal cal’ son malos, que teñen a culpa da marcha, que van contra corrente e sobre todo, contra os intereses e traballo dos traballadores do complexo de que se trate. Unha vez abandonada a zona, a historia vai esquecéndose… e xa se pode volver a pasar de todo -tanto ‘os de arriba’ como ‘os de abaixo’-, aparentemente sen grandes consecuencias, pois os danos son ‘exportados’ a outras causas.
Nas Pontes, despois de algunha reviravolta polo variable panorama enerxético dos últimos anos, está a cerrarse o proceso, de xeito que no titular da nova mencionada nin aparece a mina, causante primeria do proceso de acidificación. Na Mariña, aí temos agora Alcoa nesa evolución cunha balsa de lodos que pasará dos cen metros de altura como emblema de loita que a medio prazo seguirá a aumentar a súa capacidade e perigosidade, pero que non permitirá a extensión da explotación máis ca uns poucos anos máis, no caso de que á empresa lle siga interesando. E despois? Os empregos? Co mar como algo que xa non é alternativa, o campo sen evolucionar e un sistema socioeconómico que non permite outra saída, queda iso: un túnel sen saída.