Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Queimada de Cervo. Pablo Mosquera


 A Queimada de Cervo


Son XLV anos depurando o medio ambiente galego e mariñán. É un elixir para unir presente e ausente. Dende a procesión das ánimas ata a chegada das vestais a Souto. Entre bailes ao son das gaitas que chaman ao aquelarre. Un pobo celta que sabe loitar contra os malos agoiros. Unha representación máxica da alma galega que cada agosto se debate entre a nostalxia e a ledicia. Aqueles Druidas que constitúen AIRIÑOS DO XUNCO, sen propósito de enmenda. As lapas azuis de augardente mesturadas habilmente polas mans dun feiticeiro que esconde o rostro e deixa a súa sombra nese Souto rodeado de fermosas mansións onde o tempo seguirá pasando coma se tal cousa non tivese forza para mudar os habitantes do lugar que seguirán sendo duros e traballadores, hospitalarios e sarcásticos, defensores da nosa lingua e dos dereitos históricos como pobo vello e orgulloso. Testemuña de todo isto, as lousas de pizarra e as chemineas.


Cada palabra do feitizo é unha ladaíña. Cada cunca que está preparada para recibir o brebaje é unha esperanza de saúde contra as artes malvadas das meigas e dos trasnos. Cada figura humanoide é un símbolo de como os vivos e os mortos se atopan unha vez máis nese fermoso val de Cervo-Sargadelos.


Quen veña por primeira vez sorprenderase co encantamento. A quen repita unha vez máis acollerá a saudade ao notar que faltan algúns que foron ao infinito, alí onde mar e ceo se xuntan e agardan a saída diaria do astro LABURU e a ocultación en forma de TRISQUEL. E así pasará un ano máis e un ano menos.


Cervo será a causa dos amores gañados e perdidos, eternos e temporais. Como a vida mesma. Como ese ciclo da natureza que non para… salvo por cada QUEIMADA que Xosé Vizoso debuxa e converte os seus personaxes en eternos seres mitolóxicos para as xeracións da xuventude que algún día foron e mañá sempre serán GALEGOS DE CHUVIA E CALMA.


Entre a escuridade que ilumina a chama azul, buscaremos o noso pasado, sentiremos a incomodidade do presente e chegaremos á sabia conclusión do incerto que é o futuro. Pero non importa. Os nosos devanceiros poñeranos as mans nas costas e axudaranos a compartir ombreiro con ombreiro para seguir facendo Galicia, mesmo se caemos sete veces, ensinaránnos a erguernos oito e así construír o país. O noso mundo, aquel que brilará coas augas do ceo nos fentos. O que fará que as fermosas hortensias volvan medrar cada ano.


A QUEIMADA DE CERVO é, de certo, unha exposición que gañou a man e mantén con eterna dignidade, esa afirmación como FESTA DE INTERESE TURÍSTICO PARA GALICIA. Amén e que o gocemos para sempre.

Pablo Mosquera Mata


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *