Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Unha banalidade: sei máis de ti que ti mesmo


Unha banalidade: sei máis de ti que ti mesmo

    Ía dicir que por casualidade, pero non. Foi porque Google así o quixo. Fixo que me atopara o outro día con Google Takeouts. Un programa por medio do que podes descargar os datos que Google ten de ti. Os datos que ti, de xeito consciente ou inconsciente, lle subministraches. Leveime unha sorpresa. Grande. Tan grande como o tamaño que me atopei cando despois de realizar os pasos que me dicía, aparece un correo con ligazóns para descargar 63 ficheiros de 1 Gigabyte. Aquí fai falta unha parada para facer varias aclaracións:

    
1.- Hai un par de anos probei cun programa equivalente para descargar os datos de Facebook. A cantidade de contido que tiven era unhas 100 veces menor, e daquela pareceume unha barbaridade.

    
2.- 1 Gigabyte é equivalente ó que poderían ocupar uns mil ‘Quijote’, ou ó que unha mecanógrafa experta (ou un mecanógrafo, claro), a toda pastilla e sen parar, día e noite, tardaría case dous anos en teclear.

    
3.- O paquete descargado inclúe vídeos que subín a Youtube. É evidente que o seu peso dentro do conxunto é moi grande, e que se os subín, dan información sobre min, pero non ten a mesma ‘densidade de datos’ meus que, poñamos por caso, un correo electrónico.

    
Aclaracións feitas (caberían unhas cantas máis, pero esas son fundamentais), as ligazóns para a descarga viñan nun correo electrónico que especificaba: “(…) non se puido crear unha copia de todos os ficheiros. Podes descargar os ficheiros ata o 12 de agosto de 2023, pero ten en conta que faltarán datos. O contido exportado inclúe un ficheiro HTML que contén máis información sobre os erros. A descarga incluirá datos de 48 produtos. (…)” De 48 produtos porque na lista de cousas a descargar (que segundo Google poden abranguer ata 50 produtos seus) ocorreuseme desmarcar dous servizos, un por consideralo irrelevante e outro … por pensar que ía ocupar moito!

    
Aínda non puiden mirar todo o contido. Dubido que chegue a facelo de xeito completo e menos aínda en profundidade. De feito, só descarguei dous dos 63 ficheiros, ó chou, e para botarlles unha ollada rápida ós nomes e facerme unha idea do contido. Ollada que xa me fixo contrastar algunha idea falsa que tiña sobre o que Google e a rede garda de min, ou volver reflexionar sobre que hoxe mesmo engadirase algunha información máis a ese almacén. Levo pensado como facer para minimizar a miña pegada dixital, e xa teño abandonado algún servizo en parte por ese motivo. Pero son consciente que esa pegada non deixa nin deixará polo momento de facerse máis e máis grande, sen control efectivo pola miña parte, a pesar das lexislacións que teoricamente protexen a privacidade. A non ser que me ille de internet: dende deixar de usar o navegador ou o móbil ata as tarxetas bancarias, por poñer só algún exemplo. E mentres a miña memoria vai esquecendo cousas -cada vez máis- o que a rede sabe sobre min estará resgardado en varios lugares diferentes, por se acaso nun só se perde -unha das ideas principais da rede- e poderá ser ‘aproveitado’ por multitude de aplicacións que me queiran vender algo -sabendo ata onde chegan os meus recursos- ou que queiran influenciar o meu voto nas próximas eleccións -sabendo os meus puntos fracos-.

    
Cada vez me gustan máis o movemento do software libre. Xenera programas máis transparentes, ó tempo que conserva mellor a privacidade, e en xeral, déixate dominio sobre o programa e o que fas con el. Fíxase máis na xente e as súas necesidades, e menos no aproveitamento das necesidades da xente por terceiros. De feito, o último programa que comecei a usar é unha rede social, Mastodon, en substitución doutra dunha multinacional. Por suposto que non é perfecta (tampouco o programa propietario que usaba antes), e aínda estou experimentando co nodo que uso, mastodon.gal. Mais, por experiencia, tamén sei que o software libre evoluciona (e mellora) rápido, e que adaptarse é doado, sempre que queras.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *