Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Sobre Lourenzo Fernández Prieto


    Tito, Colaborador do Blog e da AVV O Tesón, entre outras cousas máis relevantes, será investido o día 3 como Académico de Número da RAG. Deixo a continuación a nota de prensa da Academia:

O historiador Lourenzo Fernández Prieto ingresa o 3 de xuño na RAG como membro de número

Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) ingresará o
sábado 3 de xuño na Real Academia Galega como membro de número. A
sesión extraordinaria pública terá lugar no teatro Jofre de Ferrol, a
cidade onde medrou, a partir das 12:00 horas. O catedrático de Historia
Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela dará lectura ao
discurso titulado A memoria, a historia e a política. A esquecida
polémica Cela versus Paz-Andrade sobre a lexitimidade democrática, a
memoria republicana e a Autonomía de Galicia en xullo de 1977
, ao
que lle dará resposta en nome da institución o coordinador da Sección de
Historia, Ramón Villares. Lourenzo Fernández Prieto ocupará a vacante
producida no ano 2020 polo pasamento da poeta Luz Pozo Garza.

A
sesión de ingreso é de entrada libre ata completar a capacidade do
teatro e poderá seguir tamén en directo dende academia.gal. O acto
organízase co apoio económico da Deputación da Coruña.

Lourenzo
Fernández Prieto centra a súa investigación en dúas grandes liñas: a
historia agraria contemporánea e o estudo da guerra civil e do
franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou
no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, que se
ocupa das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de
forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e a
sociedade rural cun enfoque ambientalista. É coordinador do Grupo de
historia agraria e política do mundo rural Histagra, e dirixiu tamén a Cátedra universitaria Juana de Vega de Estudos Agrarios.

En
2006 iniciou unha nova liña de traballo centrada no golpe de 1936, a
guerra e a ditadura de Franco que afonda na memoria das persecucións,
das vítimas e dos vitimarios. A través do proxecto interuniversitario Nomes e Voces, abriu unha serie de estudos que son unha referencia no campo da historiografía española e internacional do século XX.

Ao
longo da súa carreira foi investigador principal de máis de vinte
proxectos de investigación competitivos e outros tantos convenios
relacionados cos seus campos de investigación. A relación con grupos e
centros de investigación de institucións españolas, europeas e
americanas é outra constante do labor de Lourenzo Fernández Prieto,
membro de redes internacionais e profesor convidado das universidades de
Princeton (Oates Fellow, Council of Humanities), Cidade de Nova York
(Graduate Center) ou Cork (Department of Geography).

O académico
electo é ademais vicepresidente da Sociedad de Estudios de Historia
Agraria (SEHA) e foi director do Departamento de Historia da USC, onde
se licenciou e doutorou con premio extraordinario. Como historiador,
tamén colabora adoito en medios de comunicación, e publica semanalmente
un artigo en La Voz de Galicia.

Como divulgador é ademais autor, entre outros traballos, do estudo introdutorio do Diario da guerra
de Francisco Fernández del Riego, editado este mesmo ano co gallo do
Día das Letras Galegas dedicado ao intelectual de Lourenzá.

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *