Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Chiando dende a illa Pancha. Contribución para o número de marzo de Chío


    Este mes de marzo comezo a colaboarción coa revista electrónica mensual lucense Chío. Esta é a miña primeira contribución:

Chío na Pancha

Para unha publicación periódica con cabeceira editada nunha capital
de provincia, é case normal definirse como capitalina, é dicir,
sobreponderar o contido e referencias á vila capital aínda que a
publicación en si non estea deseñada para ser ‘da’ capital. No
caso de Lugo, que agrupa na capital máis dunha cuarta parte da
poboación total provincial, non se chega ós extremos de Madrid,
pero sobrepasa ó doutras provincias como Asturias (que case se pode
dicir que ten unha ‘capital distribuída’.

Enfocando dende outro punto, hoxe a provincia de Lugo é case o
cosido doutras dúas anteriores. No 1833, unha reorganización
estatal levou por diante a provincia de Mondoñedo, que
correspondería coa actual Mariña (se queres, o conxunto das tres
‘Mariñas’ que se pretenderon como comarcas administrativas),
cunha superficie semellante á de Biscaia. Con esa entidade e a
eliminación de Mondoñedo como capital, caeron máis cousas. Podemos
facernos unha idea cun par de datos, dende o feito que no 1833 a
poboación da cidade de Mondoñedo era só lixeiramente menor que a
da súa actual capital provincial (que dende aquela multiplicou por
vinte os seus habitantes fronte ó estancamento e mesmo retroceso
mindoniense) a que o proxecto dun ferrocarril pola costa tardara
cousa dun século en materializarse, aínda cunha liña de ‘vía
estreita’ (traducible por ‘de segunda categoría’).

O extremo norte da actual provincia de Lugo, dise, limita con
Inglaterra mar por medio. E na punta que marca o extremo oriental
dese límite, atópase unha icona do concello de Ribadeo: a illa
Pancha.

No cambio de mentalidade co tempo, a illa pasou de ser un lugar
inhóspito ó idóneo para plataforma de sinais marítimas, para
construír un faro. Foi erixido hai 150 anos. Un lugar dende onde
chiar non fronte a un Lugo / capital /centro, senón sinxelamente un
lugar diferente para chiar.

Claro que, para comprender os chíos, mellor ter algo de contexto,
que na distante Lugo pode non terse. Diso vai este artigo.

O faro da illa Pancha comezou a levantarse no 1859, cambiando con ilo
a natureza da illa, e máis aínda a raíz da construción dunha
ponte ó ano seguinte. Faro e ponte sufriron diversas reformas ó
longo do tempo, e en 1983 fíxose un novo faro, quedando sen uso como
tal o vello edificio que albergara a antiga luminaria e servira como
casa do fareiro, misión coa que seguiu tempo despois da entrada en
funcionamento do novo faro. Así, a Pancha, a súa visión, o seu
significado e a súa simboloxía cambiou pouco a pouco. E segue a
cambiar: Pasa dos dez anos que un chiringuito, Puertos del Estado,
decidiu poñer en marcha a iniciativa ‘Faros de España’. É
dicir, a privatización dos faros, substituídos con avantaxe polos
novos sistema GPS. E vai camiño dos dez anos que, nesa liña, fixo
concesión de parte da illa a unha empresa privada.

 

A cousa non remata aquí, e o xa dito é necesario amplialo, pero por
iso mesmo esta parte da historia provincial e das xentes que
habitamos necesita de máis espacio para ilustrar, clarificar e
animar a quer (-nos, tamén).

Así que, seguirei a chiar.

 

Antonio Gregorio Montes


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *