Slow economy & necesidade
Permite o capitalismo a conservación do planeta? Mesmo pode parecer que a facilita, facendo negocio con actividades que poden axudar. Ou debera dicir, potenciando actividades que poderían axudar co ollo posto en gañar máis cartos? Pero o capitalismo necesita medrar, esas actividades en xeral son con vistas a medrar, e o planeta, chegados a este punto de actividade febril global e escaseza de recursos tamén global, necesita calma, que se tería que traducir en menor actividade, o que se soe chamar ‘decrecemento’ económico.
Nun
sistema que prima a produción e que necesita medrar para subsistir,
quen decrece, perde fronte a quen non decrece. Son as regras do sistema. Como facer decrecer un sistema
que ten a base no medrar? Se necesitamos decrecer, necesitamos un cambio de
sistema. Como? Iso, ‘para outro día’, non se improvisa todo un sistema socioeconómico así, de pronto, da nada. Pero vai pensando niso, que a todos
afecta e como tal, todos podemos, deberiamos e teremos que contribuír. E non vai ser doado, como calquera cousa que compensa e non se sabe por onde comezar. Unha mostra de que non vo cai ser: nunha
conversa, hai pouco, houbo quen mo deixou claro: “estou de acordo en
que A é o mellor para todos, pero se vexo que con B vou gañar x, entón
voto a favor de B”. É dicir: si, ben para todos, pero sobre todo para min, aínda que no sexa para os máis. Se queres saber máis sobre esa decisión, procura polo chamado ‘dilema do prisioneiro’.
O cambio ten que ser,
vai ser, diferente nas grandes cidades que no campo, nunha sociedade que
teña perdido o vínculo coa natureza que noutra que aínda conserve
relación. E iso, a pesar da colonización das cidades sobre o
campo. Xustiza, democracia, son termos que se mesturan nesa necesidade de decrecemento e cambio: quen tería que consumir menos? En realidade, quen tería que deixar de consumir máis? E claro, tamén producir menos. Como se vai decidir? Son preguntas que se meten por medio se pensamos construír o futuro común.Polo medio. Polo medio, aparte do
emprego (30 h/semana ‘chegarían’ se hai que producir menos? 4 días/semana?), redistribución de masa dineraria
(non só salarial, e con esa ‘masa’, de poder de diferentes tipos), ou eliminación da sobreprodución (e polo tanto, dos lixos /
desperdicios / contaminación desprendidos nela) que solucionaría problemas,
pero que hai quen ve como problema en si, por selo dentro do mesmo sistema, para o sistema como se
concibe na actualidade. E é que ‘esas cousas’ chocan tamén con modelos culturais, sociais, que se venden como sen alternativa e que son, no fondo, tradución de esquemas
económicos: repensar o futuro, repensar o sistema, é tamén, e sobre todo, repensar a sociedade.
Necesitamos unha economía tranquila, quizais máis lenta e local, que sairá co que hoxe é unha mixtura de conceptos, visións, linguas,,, O título vai diso.
E mentres, rematou unha nova edición do Foro de Davos, con asistencia estelar de autorepresentantes da riqueza. As conclusións? Aquí non pasa nada, excepto que hai que seguir a darlle voltas ó problema de os máis ricos conserven e mesmo potencien o seu poder e xeito de vida. si, desa xente que vive noutro mundo, parecería que noutro planeta.