Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud – Calamocha
Despertar en Calatayud foi a asunción de que as augas ían ó Mediterráneo, vía Ebro, de que o fin da viaxe xa estaba máis cerca do que o comezo, cousa polo demais xa cumprida días atrás. Tamén foi a da omnipresenza xa das canles agrícolas, que se deixaran ver xa no Bierzo, pero que aquí fanse, a máis de omnipresentes, imprescindibles.
Esta etapa é a dun encontro casual, e polo tanto inesperado, con outro galego en bicicleta facendo unha ruta, Pedro, de O Barqueiro. No seu caso, de Salas de los Infantes a Segorbe, boa parte por vías verdes, en particular pola de Ojos Negros. Cheguei cabo del cando estaba á beira da estrada consultando o móbil, a uns vinte quilómetros de Calatayud. As alforxas na bici delataban un longo recorrido, preguntei se necesitaba algo. O acento díxome dunha persoa achegada ó noroeste, pero aínda houbo de pasar un momento de cháchara para constatar a nosa proximidade xeográfica. Un tramo xuntos ata Montón, un café, e unha amizade para o futuro. Volveríamos a vernos, xa a propio intento e non só para comentar a viaxe, en Teruel, e dun xeito máis curto, en Segorbe, na fin do seu recorrido. Polo momento.
Comezou a etapa cedo, pero non tanto, xa con certo relax ó ver que me sobraba tempo para o día que quería chegr a destino. Á saída de Calatayud tiña marcada unha vía verde, e por ela me encamiñei, deixando á miña dereita e detrás o ser desta vila: dende o antigo ser, cos castelos dominando a entrada ó val dende Castela, e máis aínda, ó lonxe, a antiga cidade romana de Bílbilis (de onde ven o de ‘bilbilitanos’ para os habitantes da vila!), ó máis novo pulso vital, como nó de comunicacións simbolizado polo tren.
Calatayud, do novo ó vello. |
Pronto tiven que pensar noutras cousas: a vía verde remataba abruptamente dando nun camiño de pedras de difícil viabilidade para a bicicleta con alforxas. Tras tentar unha saída cara adiante tiven que achegarme case de xeito perpendicular á estrada para seguir o camiño.
Con subidas suaves pola estrada, fixeime máis no cambio de construción ó pasar a Aragón. Non tanto nas casas, vellas de adobe tamén, ou novas, cun estilo máis uniformado entre diversos lugares, senón en cousas como igrexas ou fortalezas, cun típico estilo ben diferenciado entre o que se ve nestes vales e os casteláns.
Construción aragonesa. Ver o detalle da torre, Montón. |
A estrada transcorría entre penedos e terras erosionadas á miña esquerda, e terras de regadío no fondo do val do Xiloca (Jiloca, tributario do Jalón), á miña dereita. Ó ir ganando en altitude, as pendentes e as mostras da erosión eran menores, e tamén a fertilidade das terras adicadas a froiteiras, que xa comezara a ollar antes de chegar a Calatayud e que seguiría vendo ata as proximidades de Teruel, ó día seguinte a este.
Canle á beira dos campos. |
O rego é necesario, pero hai terras próximas ó río que non parecen ter moita necesidade del.
O Jiloca e os frutais. |
E despois de Montón, o porto que me anunciaron o día anterior, Villafeliche. Tendo en conta que marca 845 msnm e que se parte duns 680 msnm (Calatayud, 530 msnm), iso implica que o porto é pequeno para os patróns de todo o norte, e tempouco con ramplas moi inclinadas. Cando cheguei arriba, pensei que me tomaran o pelo o día anterior ó anunciarmo. Logo cavilei que non, que un xeito diferente de ver o entorno.
Despois de subir Villafeliche, chaira e pequena baixada ata Daroca, con parada e refresco mentres tomaba nota da porta da muralla a uns metros de min. Antes, unha pequena volta convenceume de que era un dos puntos que me gustaría volver visitar más adiante, máis en plan turista.
Porta Baixa da muralla de Daroca. |
Pouco despois de Daroca, o límite de provincia e entrada en Teruel, a oitava provincia tocada (Lugo, Asturias, Lugo, León, Palencia, Burgos, Soria, Zaragoza, Teruel), xusto no km 211 da N-234.
De Daroca ó destino do día, Calamocha, subidas non moi grandes, e unha tarde doce en Calamocha. Paseando nunha vila cunha lembranza a Rosalía de Castro nunha especie de paseo de escritores, vin o coidado dun lugar con tradición de aproveitamento da auga dende tempos de mouros, e cun resto de ponte que din romano. Sorprendeume por varios detalles, como un parque abondo extenso a máis do xa dito. É unha localidade moi viva, vivindo do campo. Aínda así, pensei que non tería sido mala idea quedar en Daroca.
Ponte romana en Calamocha sobre o Xiloca, vila de canles de orixe mouro. O selo, doce! |
Rosalía, en Calamocha. |
Calamocha está orgullosa do seu trato histórico coa auga. Río Xiloca. |
Aspiración a ser centro comercial. |
Ó final só uns 66 km, cun desnivel acumulado duns 600 m e unha estancia sobre a bici que non chegou a catro horas. Despois das etapas anteriores e o corpo afeito, unha etapa de trámite a nivel esforzo.
Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península
Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo – O Cádavo
Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo – Ponferrada
Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada – Astorga
Crónica dunha viaxe / 04 Astorga – León
Crónica dunha viaxe / 05 León – Villarmentero
Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero – Burgos
Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos – Santo Domingo de Silos
Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos – Soria
Crónica dunha viaxe / 09 Soria – Calatayud
Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud – Calamocha
Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha – Teruel
Crónica dunha viaxe / 12 Teruel – Teruel
Crónica dunha viaxe / 13 Teruel – Barraques
Crónica dunha viaxe / 14 Barraques – La Vall d’Uixó
Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d’Uixó – Sagunto